Seguen adiante, sen pausa e cada unha delas cubrindo interesantes eidos e vertentes da Sociedade do Coñecemento, as actividades formativas do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). Este luns temos que apuntar na axenda un evento sobre outro nicho de mercado en proxección: o nicho dos videoxogos en calquera das súas feituras e versións para diferentes aparellos. A cita será o vindeiro 4 de xuño, de 9.30 a 13.30 horas, no salón de actos do centro compostelán. Trátase, máis en detalle, dun seminario técnico sobre videoxogos a desenvolver por expertos das empresas Movendo e Gato Salvaje.
Os relatores do seminario serán Juan Gestal, enxeñeiro informático especializado no deseño e programación de apps móbiles e creador de PixFans, un dos blogs de videoxogos máis recoñecidos do sector; Sergio Prieto, fundador de Gato Salvaje, animador 3D e escritor que está en posesión do Máster de Comunicación Audiovisual da Universidade de A Coruña e o Máster do MA ISCA en Animación 3D, e Fernando Prieto, socio de Gato Salvaje. Licenciado en Administración de Empresas por el CUNEF de Madrid e actualmente, tras desenvolver labores como analista de innovación financeira e director do proxecto ON de Caixa Galicia, director da Fundación Caixa Galicia na Coruña. A xornada, informa o CNTG, constará de dúas partes: unha primeira parte enfocada en dar a coñecer o pasado, presente e futuro dos videoxogos independentes e as ferramentas para o seu desenvolvemento, e unha segunda dirixida a trasladar aos asistentes os acertos e erros á hora de lanzar un proxecto internacional.
A xornada vai dirixida preferentemente a profesionais do sector TIC con expectativas e interese en desenvolver proxectos propios e así como a outros perfís, con coñecementos técnicos, interesados na temática. Podemos consultar máis información sobre o evento, ou formalizar a inscrición, na web do CNTG, na sección de actividades previstas.
Esta sesión poderá ser seguida por videoconferencia través das aulas da rede CeMIT localizadas en Ames, Betanzos, O Barco, Carballiño, Celanova, A Cañiza, Lalín, Pontedeume, Pontevedra, Verín, Vilagarcía e Vigo.
Movendo e Gato Salvaje achegarán no CNTG de Santiago un seminario técnico sobre videoxogos
Compartir Este Artigo
