Con motivo da celebración, este 17 de maio, do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (amais de ser o Día de Internet), o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia vén de lanzar unha nova edición especial da súa revista A Nosa Rede. Amais disto, e coincidindo coa devandita celebración (que este ano festéxase a través do epígrafe As TIC e a mellora da seguridade viaria), o colexio profesional publicou o seu tradicional Manifesto, unha achega tradicional que se difunde cada ano co gallo desta festa das TIC. O documento, que xa está visible este 17 de maio, en formato pdf, fornécese co xornal La Voz de Galicia na súa edición xeral, e tamén nas canles habituais de comunicación do COETG-AETG, a web de seu e máis a devandita revista especial.
Tanto no manifesto como nesta publicación, a entidade profesional galega tira proveito da celebración, e da temática deste ano (estradas, coches e condutores máis seguros grazas ao pulo das novas tecnoloxías), para animar “a todas as institucións, públicas ou privadas, empresas e particulares a desenvolver políticas, aplicacións, equipos, propostas ou prácticas TIC tendentes a incrementar a protección viaria e a minimizar a distracción do condutor, así como a promover e difundir as vantaxes do uso das TIC a bordo dos vehículos, co fin de mellorar a seguridade nas estradas da nosa comunidade”. E engade: “E queremos salientar que as TIC non só poden salvar vidas, senón que constitúen unha oportunidade única para as empresas galegas, ante as que se abre unha importante vía de crecemento, que abrangue dende as TIC avanzadas para sistemas de transporte intelixente e seguridade viaria que utilizan unha combinación de tecnoloxías de comunicación, localización e automatización, incluídos radares nos automóbiles para evitar accidentes, ata os interfaces de usuarios fiables e sistemas de comunicación en vehículos, que optimicen a condución eliminando distraccións relacionadas con tecnoloxías pouco seguras”.
O COETG-AETG festexa o Día das Telecomunicacións cun manifesto e un número especial de A Nosa Rede
Compartir Este Artigo
