Non só hai novas tecnoloxías da comunicación para mellorar a comunicación entre persoas. Hainas que melloran a conexión entre as persoas e os seus vehículos, facilitando a localización destes e, tamén, impedindo o seu extravío ou a revenda a través de mans alleas. Nesta liña insírese a tecnoloxía gañadora do novo Premio á Mellor Idea da revista Actualidade Económica na categoría de Motor (a listaxe en pdf), unha aplicación, de nome Detector OnBike, que contribúe non só a frear a vaga de roubos de motos e outros vehículos semellantes (bicicletas eléctricas, bicicletas convencionais) senón tamén, segundo indican os responsables do se desenvolvemento, a “salvar as vidas dos condutores”.
De feito, cómpre ter en conta que en España róubanse arredor de 120 motocicletas ao día, sobre todo das marcas SYM, Kawasaki, BMW, Triumph, Yamaha e Honda, e principalmente en cidades como Madrid, Barcelona, Málaga ou Valencia. A devandita aplicación diríxese por unha banda a tentar pórlle freo ao dito número de desaparicións, poñendo a disposición dos propietarios unha aplicación que lles permite localizala en todo intre, “coa oportunidade de reaccionar a tempo se a tenta levar o guindastre ou un ladrón, ou se alguén a golpea aparcando outro vehículo”. A ferramenta pode avisar a emerxencias, por outra banda, en caso de impacto brusco. O sistema, como dixemos foi premiado polo xurado da publicación Actualidade Económica no seu certame ás 100 mellores ideas de 2013 que recoñece o estado de innovación empresarial en España.
Polo que atinxe ao funcionamento do sistema, dicir que o primeiro paso é a súa instalación na moto e a descarga da aplicación complementaria no noso dispositivo móbil. Desde ese intre, sinala a empresa, a aplicación informa o usuario da localización da súa moto, activa un protocolo de seguridade no caso de que o vehículo se mova sen o contacto posto e en caso de impacto brusco envía unha alerta que pon en marcha “un programa de atención de emerxencias único pola súa rapidez e utilidade pois localiza a tempo e con exactitude a posición da mesma”, infórmase.
Dispoñible unha aplicación para evitarmos o roubo da nosa motocicleta
Compartir Este Artigo
