A entidade pública empresarial Red.es, en colaboración con trece Comunidades e Cidades Autónomas (entre as que se conta a nosa), investirá 5,1 millóns de euros no fornecemento de solucións tecnolóxicas para que hoteis e aloxamentos de turismo rural “poidan optimizar a súa produtividade e mellorar a comercialización da súa oferta”. Este volume de axudas, anunciadas onte en Granada, beneficiarían, segundo informou o Goberno, a máis de 800 empresas. Os incentivos intégranse na segunda fase do programa Aloxamentos Conectados, impulsados pola entidade público-empresarial Red.es e máis SEGITTUR (Sociedade Estatal para Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas), contando para a súa materialización con fondos europeos FEDER.
Segundo se fixo saber, os establecementos adscritos ao devandito programa poderán optar a un máximo de dous paquetes de solucións tecnolóxicas, dos tres que se van a ofertar. Estas están ligadas á xestión da propiedade, a mellora da web e a mercadotecnia en liña (promoción, publicidade e vendas a través da Rede), e teñen un custo unitario duns 2.400 euros. O prazo para presentar as solicitudes é de dous meses, unha vez que a convocatoria se publique no BOE. Os interesados poderán inscribirse e entregar a documentación necesaria a través da sede electrónica de Red.es. Amais dos locais galegos integrados no programa, poden optar a estas axudas establecementos rurais de Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunitat Valenciana, Estremadura, Murcia e Nafarroa (Navarra) e nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla. As axudas son accesibles para autónomos e pequenas e medianas empresas cun máximo de 49 empregados e un volume anual de negocio de 10 millóns de euros. Ademais, deben dispor de conexión a Internet de banda larga e páxina web propia, entre outros requisitos. Asemade, informa Red.es, fixouse unha cota de repartición para os incentivos que recibirá cada Comunidade. O 75% deste investimento destinarase a empresas cun máximo de 9 empregados e o 25% restante a sociedades de entre 10 e 49 empregados.
Red.es anuncia novas axudas para afianzar na era dixital os aloxamentos do noso rural
Compartir Este Artigo
