Esta mañá Vodafone celebrou na Coruña unha xornada para dar a coñecer a profesionais locais algúns dos servizos da compañía de telefonía para a xestión de flotas de dispositivos móbiles, centrándose especialmente en Vodafone Secure Device Manager (VSDM) nunha presentación que correu da man de Beatriz Rey, xefa de produto de solucións na nube de Vodafone.
Ata hai poucos anos as empresas que precisaban da xestión de flotas de terminais móbiles apostaban principalmente por BlackBerry, plataforma con moitas facilidades para tal función, pero o contorno corporativo actual é moi distinto, con smartphones e tablets totalmente integrados no fluxo de traballo, convivindo distintos sistemas operativos móbiles e incluso mesturando terminais propiedade da empresa e do traballador (dentro da tendencia emerxente do BYOD, que supón todo un reto para os administradores de sistemas). Atendendo a esta realidade, e buscando unha solución que non precisase de fortes investimentos iniciais, Vodafone lanzou para empresas VSDM, ferramenta deseñada por AirWatch, empresa líder en MDM (administración de dispositivos móbiles), que leva á nube a xestión dos móbiles da empresa e podendo contratarse como un servizo de subscrición mensual.

Dentro da presentación destacouse o feito de que, no caso de dispositivos co sistema operativo Android existían dous escenarios distintos, de xeito que por unha banda tiñamos os terminais estándar e por outro temos aos dispositivos de Samsung pensados no mercado corporativo, que gozan dunha capa especial destinada á empresa que engade numerosas posibilidades ausentes noutros dispositivos de competidores, polo que moitas empresas deberían telo en conta á hora de adquirir os seus móbiles.

González tamén quixo destacar que Samsung está a apostar fortemente pola tecnoloxía NFC, presente en practicamente todos os dispositivos da firma surcoreana dirixidos á empresa, e que ten moitas posibilidades tanto para o uso na empresa como para administracións públicas (con aplicacións directas ao campo das Smart Cities), podendo chegar a converterse na chave do futuro incluso no ámbito doméstico.
Con esta exposición de posibilidades quedou claro que o control de flotas de dispositivos móbiles xa non está monopolizada por BlackBerry, e cada vez hai máis e mellores servizos para atender ás necesidades da empresa.
Vodafone presenta a súa solución na nube para a xestión de flotas de dispositivos móbiles
Compartir Este Artigo

