O concurso organizado no Facebook por Heredeiros da Crus para regalar entradas para o concerto deste venres en Ordes, deixándoas agochadas en varios puntos das cidades galegas, xa obtivo finalmente os seus gañadores. E ademais, en palabras dos organizadores (Airapro), “foi todo un éxito”. O certame, como lembraremos, levouse a cabo o martes desta semana, manténdose comunicación cos seareiros a través da dita rede social (e tamén de Twitter), onde se lles ofrecían datos e imaxes para facilitarlles a localización exacta dos sobres con dúas entradas. Os pases, 12 en total, fóronse agochando desde o mediodía ata preto da medianoite en Lugo, Ourense, Vigo, Ribeira, Compostela e A Coruña.
A responsable do xogo foi a produtora do grupo ribeirense, Airapro, que foi dispoñendo na Rede, ante os ollos dos 5.000 seareiros de Facebook, as fotografías do lugar onde se atopaban os convites. O certame permitiralles aos afortunados entrar no concerto deste venres, na sala LP45 de Ordes, sen ter que pagar os 25 euros da entrada (disco incluído), unha actuación que é a sétima ofrecida polos Heredeiros logo do seu regreso en marzo de 2012.
Os Heredeiros repartiron 12 entradas de balde a través dun xogo de pescudas nas redes sociais
Compartir Este Artigo
