A listaxe de centros educativos galegos con conexión á Rede de 100 Mbps vén de incrementarse coa incorporación de seis máis ao longo deste mes de maio que está piques de rematar. Así nolo conta este luns a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), departamento responsable destes traballos, que engade que se trata de seis centros das provincias de Coruña, Pontevedra e Ourense, que se suman aos 199 aos que xa se lles facilitara o acceso a esta tecnoloxía no último ano. Segundo engade AMTEGA, a mellora destas infraestruturas de telecomunicación posibilita, “ademais do incremento da velocidade de conexión, o acceso simultáneo dun maior número de usuarios e a posibilidade de traballar cun maior número de aplicacións informáticas”.
Con esta actuación, explica a axencia, “búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e de colocar á comunidade educativa na vangarda do progreso, con proxectos como o ABALAR para integrar as TIC no sistema educativo”.
A mellora das condicións de conexión dos centros educativos é unha medida incluída no Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGA) coas velocidades máis punteiras. A implantación de redes de 100 Mbps, tal e como fixemos saber con motivo da presentación do devandito acordo coa operadora galega, permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. “Deste xeito”, engade AMTEGA, “o alumnado poderá ter un acceso máis efectivo á Rede, sen adiamentos ou contratempos; poderán conectarse de xeito simultáneo un maior número de usuarios e permitirá o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta axeitado”.
Chega aos 200 a listaxe dos centros educativos galegos con 100 Mbps
Compartir Este Artigo
