Cinesa, a cadea de salas de cinema (presente en Santiago e A Coruña), vén de lanzar na Rede unha campaña para levarnos da man ao pasado. Ou sexa, para levarnos da man ao cinema clásico e relembrarnos, de paso, que ningunha das películas de hoxe que máis nos gustan púidose ter feito sen as múltiples referencias e achados dos grandes mestres e as súas grandes obras. A campaña, que segundo Cinesa encamíñase directamente a apelar á nosa saudade cinematográfica (esa nostalxia que nos leva tantas veces a comparar o que vemos hoxe co que vimos hai uns cantos anos, xogo no que adoita a saír perdendo o de hoxe), foi desenvolvida pola axencia Manifiesto, que dá conta a través de diversos formatos desta arela por recuperar, nas novas sesións de Cinesa, os filmes máis míticos das últimas décadas en versión orixinal subtitulada. Estes volverán a proxectarse, en virtude da iniciativa Rewind, en dezaseis salas de toda España.
A campaña dixital, sinala Manifiesto, ten unha idea moi clara: “Conectar de maneira emocional con todos aqueles que valoran todo o que pertence ao pasado”. Desta forma, engade, o anuncio transporta aos espectadores aos 70 e os 80 a través de diferentes obxectos, personaxes ou filmes desas décadas “co toque xusto de humor”. A estratexia desenvólvese na Rede (con banners, un espazo propio na web de Cinesa e vídeos en YouTube) e complétase con cuñas de radio e a súa adaptación gráfica. O programa de promoción ao completo xa se pode ver na web da axencia. Cinesa, ao abeiro desta iniciativa, proxectará títulos como Taxi Driver, Pulp Fiction, O Exorcista, Os Cazapantasmas, Some like it hot (na TVG, titulada no seu día Con saias e a rachar) ou Terminator, entre outras, ata o 29 de agosto nas súas novas sesións Rewind.
Cinesa lanza na Rede a campaña Rewind para recuperar filmes clásicos nas salas de seu
Compartir Este Artigo
