
Ao seu xuízo, as TIC son “armas para o desenvolvemento”, tal e como se puído comprobar nos acontecementos da Primavera Árabe, onde o poder de convocatoria das redes para tirar abaixo ditaduras acadou perfecta sintonía e complementariedade con outras formas de comunicación offline, alternativas, como foron os taxistas e vendedores de comida ou os estadios de fútbol, cafés e mesquitas, “seguramente máis lonxe da censura que os medios en rede”, dixo. Clemencia Rodríguez tamén aproveitou a cita en Santiago para denunciar a “tercermundización” global con “condicións exacerbadas de elites corruptas, capitalismo depredador, guerras, emigrantes e poboacións desprazadas que se están vivindo en todo o mundo”. A investigadora indica que hoxe diluíronse as fronteiras tan claras hai 30 anos entre unha cidade española e un pobo no sur de Colombia e “non foi para mellorar as condicións de vida do pobo colombiano, senón para empeorar as da cidade española”.
Nas sesións da tarde, participou tamén a vicepresidenta da International Association for Media and Communication Research (IAMCR), Aimée Vega, que lembrou os perigos da concentración na creación dunha verdadeira democracia cos medios e a a importancia da participación da muller. Segundo fixo saber, o 92% da televisión comercial en México está controlada por dúas empresas Televisa e Televisión Azteca, mentres que máis do 25 por cento dos 400 diarios que circulan no país son propiedade de nove grupos. No caso das mulleres, soamente un 2% teñen titularidade nun medio televisivo e ningunha é propietaria dun medio impreso. Esta tarde celebrouse tamén a inauguración oficial do congreso, ás 18.00 no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Asistiron o presidente da Federação Brasileira das Associações Científicas e Acadêmicas de Comunicação, (Sorcicom) José Marques de Melo, e a presidenta de Agacom e do congreso, Margarita Ledo; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan J. Casares Long; o reitor da Universidade de A Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia.
Clemencia Rodríguez abre en Santiago o congreso Ibercom salientado o poder das TIC como armas para o cambio social
Compartir Este Artigo
