A pasada noite o director xeral de Apple, Tim Cook, acudiu á 11ª edición dos encontros tecnolóxicos D: All Things Digital organizados polo The Wall Street Journal, onde atendeu ás preguntas de Kara Swisher e Walt Mossberg, que procuraron tirarlle da lingua sobre temas de interese da súa compañía como os seus plans de futuro ou os rumores que apuntan a lanzamentos e adquisicións por parte de Apple e, como noutras ocasións, Cook soubo manter certa discreción nas súas respostas.
Ante cuestións sobre un futuro televisor de Apple, o que o propio Steve Jobs consideraba un reto a superar, continúan as evasivas, e Cook só asegurou que aínda queda moito por explorar nese ámbito, aínda que considera que van por bo camiño, como demostra o feito de que o seu Apple TV vendeu máis de 13 millóns de unidades dende o seu lanzamento, dos que a metade corresponden ao último ano, o que está permitindo á compañía a aprender moito sobre como chegar aos salóns domésticos.
Cook tamén falou sobre algunhas novas tendencias, como a informática que pode vestirse, pero en vez de considerar que Google Glass marca os pasos a seguir, ve máis interesante o pulso, o que demostra o mero feito de que el uso unha Nike FuelBand, e que podería ser un indicador de que Apple podería lanzar o rumoreado iWatch. Sobre Google Glass comentou que “penso que probablemente terá sentido en certos mercados verticais… levo lentes porque teño que facelo. Non creo que moita xente queira levalos sen necesidade” ao que engadiu que ve difícil que consigan un deseño que uns lentes poidan chegar a converterse nun produto de consumo masivo.
Aínda que nos últimos anos Apple conseguiu dominar certos mercados, a emerxencia de Android está facendo pasar a Apple a un segundo plano en tablets e smartphones, o que Cook non considera preocupante, pois asegura que a intención de Apple nunca foi fabricar a meirande parte dos dispositivos, aínda que quixo apuntar que “o que os números suxiren unha e outra vez é que a xente usa os nosos produtos máis. De iso imos. Queremos mellorar a vida da xente”. Comentou que hai moito smartphone empregado só como teléfono e moitos tablets que cómpranse pero non chegan a ter un uso práctico, por achegar unha experiencia deficiente, mentres que cos produtos de Apple “mudou o xogo”.
Sobre o futuro de iOS, o sistema operativo móbil de Apple, que promete grandes cambios tras pasar a ser responsabilidade de Jonathan Ive, Cook quixo ser prudente unha vez máis, e ao saberse que vai ver a luz a primeiros de xuño, prefire deixar as valoración para o público.
Sobre a estratexia de produto, Walt Mossberg preguntou a Cook por que, cando o iPod chegou ao mercado en numerosos tamaños, formatos e prezos, o iPhone parecía ancorado nun único modelo, o que espetou un taxativo “precisa dun traballo moi detallado facer un teléfono ben”. Tamén minimizou a importancia dos tabletófonos, ao asegurar que o tamaño é só un dos elementos a ter en conta nun smartphone, como a calidade da súa cámara ou a autonomía da batería, e eles o que buscan é o mellor equilibrio, dando a entender claramente que os comentarios que apuntarían a un iPhone de grande pantalla para competir coas novas tendencias do mercado non sería realidade a medio prazo.
Sobre a personalización do iPhone tamén comentou que continúan a pechar certos elementos do seu móbil porque temen que deixar mudar a pantalla de inicio ou o teclado virtual (entre outras cousas) poidan provocar unha mala experiencia de uso, risco que prefiren evitar. Tamén apuntou que están a traballar en mellorar a integración entre Facebook e iOS, sen pechar a porta a outras compañías coas que colaborar.
Tamén abordou temas como o pagamento de impostos, o seu servizo de mapas, a adquisición doutras compañías… como podemos comprobar na entrevista completa e a quenda de preguntas posterior:
Tim Cook comenta a estratexia de Apple nunha completa entrevista
Compartir Este Artigo
