Movistar puxo esta semana a disposición dos clientes-profesionais a proposta Presenza en Internet, que inclúe opcións e ferramentas para crear e pór en marcha, desde 5 euros ao mes, as páxinas web dos nosos negocios ou os nosos propios comercios electrónicos, achegándosenos tamén a posibilidade de “situalas de forma profesional, rápida, económica, competitiva e sen necesidade de ter coñecementos previos de programación”. Este novo servizo, dispoñible dende esta semana, inclúe tres opcións diferentes, con posibilidade de ampliar a cinco, no caso de que o cliente desexe contratar un profesional que faga e manteña a súa web ou a súa tenda. As opcións son: A túa web, Facemos a túa web, A túa Tenda en Internet, Facemos A túa Tenda en Internet e Destácoche en Internet.
O servizo A túa Web inclúe as ferramentas precisas para que o cliente deseñe a web do seu negocio, “dun xeito rápido, sinxelo e intuitivo”, así como todos os elementos para que esa web estea accesible en Internet, con dominio, con mapas, vídeos, integración en redes sociais e compatible con navegadores de dispositivos móbiles, por 5 euros ao mes. No entanto, o cliente que prefira contar cos servizos dun profesional para crear e manter a súa web, pode contratar a opción complementaria Facemos a túa web por 15 euros ao mes. A túa Tenda en Internet permite crear tendas en liña profesionais con catálogo de produtos, carro da compra e medios de pago – Paypal, 4B, Servired, etc-, ademais de mapas, vídeos, integración con redes sociais e compatibles con navegadores de dispositivos móbiles por unha cota mensual de 15 euros. Igualmente, Movistar ofrece o servizo complementario Facemos a túa Tenda en Internet que inclúe por 30 euros ao mes os servizos dun profesional para crear e manter o establecemento en liña. Por último, ofrécese aos autónomos a opción Destácoche en Internet, unha aplicación que, por 20 euros ao mes, fornece todas as ferramentas e o asesoramento precisos para situar mellor unha web nos buscadores e mellorar a mercadotecnia da empresa.
Movistar ofrece ás empresas e autónomos crear webs de seu e xestionalas dende cinco euros ao mes
Compartir Este Artigo
