Os eidos da tradución e da enxeñaría de telecomunicación están dende hai tempo a xuntar forzas en Vigo. E fano co obxectivo de contribuír a adaptar normativas e lexislacións técnicas internacionais ao noso contexto. Así nolo conta a Universidade de Vigo, onde estudantes da Facultade de Filoloxía e Tradución e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación veñen de rematar un proxecto no que se xuntaron as súas diferentes capacidades, en colaboración con Aenor, para a adaptación de normas técnicas relacionadas co eido da confiabilidade. Contouse para isto coa coordinación dos profesores Jorge Marcos Acevedo e Javier Sánchez Real, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica e Mª José Fernández Pintelos, do de Tradución e Lingüística.
Segundo explica Acevedo, Aenor (Asociación Española de Normalización e Certificación), a través do Comité de Confiabilidade SC56 do que el mesmo forma parte, edita normas de confiabilidade que previamente son traducidas e revisadas por expertos no tema: “O que nós facemos na Universidade de Vigo é que esas normas, antes da súa publicación, sexan revisadas por estes grupos de alumnos”. Os estudantes participantes na terceira edición desta actividade recibiron este luns, da man do vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, os seus diplomas acreditativos, un certificado que formará parte da avaliación da súa materia, xa que a realización destes traballos é a alternativa ao exame. Por esta iniciativa, posta en marcha hai xa tres anos, pasaron xa 43 estudantes da EE de Telecomunicación e 44 de Filoloxía e Tradución.
Os grupos de traballo, informa a UVigo, compóñense de tres alumnos de Enxeñería de Telecomunicación e un máximo seis de Tradución e Interpretación (tres especialistas en francés e tres especialistas en inglés). Isto débese a que os orixinais das normas coas que se traballa están publicados en francés e inglés, xa que son elaborados por organismos internacionais, ademais da tradución feita por vogais do Comité de Confiabilidade de Aenor. De cara ao futuro profesional destes alumnos, o profesor Acevedo sinala que se trata “dunha actividade relevante, xa que por unha banda os estudantes traballan con documentos que van atopar ao longo da súa vida profesional e por outra afanse a ler e interpretar normas técnicas”.
Estudantes de Telecomunicación e Tradución da UVigo xuntan forzas para adaptar normas técnicas internacionais
Compartir Este Artigo
