O Hotel NH Obradoiro de Santiago acolleu estes días unha xuntanza de traballo do Proxecto Symbios, convocada pola Consellería de Traballo. Nela participou unha delegación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), amosando un estudo preliminar con propostas de vertente TIC para a fixación de poboación no noso rural. Lembrar que o Proxecto Symbios baséase “na posta en relación das políticas públicas de servizos sociais co emprendemento dinamizador e inclusivo e coa loita contra a pobreza e a exclusión social nos territorios en situación de declive demográfico, entre os que teñen especial peso os de carácter rural, como o caso galego”, informa o Colexio Oficial de Traballo Social.
Entre os obxectivos de Symbios está o da mellora de coñecemento para deseñar un III Plan Galego de Inclusión Social, no marco do Programa Operativo Rexional para o período 2014-2020, tendo como alicerces a Estratexia Europa 2020 e as consecuencias sociais da crise demográfica.
Entre os participantes na Rede Symbios, informa o Colexio, figura a Xunta de Galicia e o Consello Rexional de Karelia do Norte (Finlandia); a Universidade de Tràs-os-Montes e alto Douro, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Zuyd (Países Baixos); a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o Instituto Galego de Estatística (IGE); a Confederación dos Centros de Desenvolvemento Rural e mais o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.
O COTSG lembrou na cita de Santiago que conta con amplo potencial e experiencia no vieiro do desenvolvemento e máxima repercusión do proxecto, para o que pode achegar labores de observatorio especializado na detección de necesidades que afectan á poboación rural. O COTSG presentouse, polo tanto, “como facilitador na introdución e aplicación de alternativas innovadoras na prestación social, con novas fórmulas e ideas para a fixación de poboación do rural mellorando a súa calidade de vida, como é o caso dun innovador modelo de atención mediante as novas tecnoloxías, enfocado a este segmento da poboación e que xa está incorporado á documentación do proxecto”. Trataríase, informa o Colexio, dunha plataforma web, de carácter gratuíto, a que as persoas usuarias poderían acceder para calquera consulta, con contacto cun ou cunha profesional, a través de chat, email ou videoconferencia, para resolver a súa problemática ou, se é o caso, “facer unha derivación axeitada para que a persoa usuaria poida ser atendida nos servizos que respondan ás súas necesidades concretas”.
Os traballadores sociais preparan novas aplicacións das TIC na atención aos nosos maiores do rural
Compartir Este Artigo
