O campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil -organizado polo grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Uscan3D en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT)- xa ten gañadores. No devandito concurso, pioneiro a nivel mundial, tomaron parte 1.126 estudantes de 4º curso da ESO e de Bacharelato de 136 centros educativos de toda España, resultando vencedora a equipa Tecnosang 4.2, do IES A Sangriña, pertencente ao concello pontevedrés de A Guarda. Cómpre dicir que o segundo posto desta primeira edición da D3Mobile Metrology League foi para os integrantes do grupo 3DMakers do IES Marratxí, das Illes Balears.
Emporiso, avaliouse no certame a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados nos distintos exercicios puntuables, acordando o xurado que os mellores do torneo eran os membros da Tecnosang 4.2, composta polos estudantes: Alicia Pereira, Olaia Ferreira, Carlos Baz e Saúl Álvarez, coa axuda de Antonio Lomba, profesor do IES A Sangriña de A Guarda.
E como toda competición, esta tamén tivo a súa recompensa, os gañadores do campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil levaranse cadansúa tablet (tamén os segundos e terceiros postos) e terán a posibilidade de visitar o 20 de xuño as instalacións do Real Observatorio de Madrid (onde se celebrará, a partir das 10 h, a cerimonia de entrega dos galardóns), e o Centro Español de Metroloxía.
Na entrega dos premios estarán presentes o director do Centro Nacional de Información Xeográfica -Sebastián Más Mayorar- e o director do Centro Español de Metroloxía -Fernando Ferrer Margalef- amais dun representante da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e Tomás de Andrés, da Fundación Vodafone España. Tamén asistirán ao acto a coordinadora do grupo de investigación da Universidade de Santiago Uscan3D, Mariluz Gil Docampo, e o director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz.
Engadir que o premio na categoría de Galicia foi parar á equipa Noespa, do IES Blanco Amor (Ourense) e a equipa Arturo, do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz), foi a campioa da provincia de Lugo nesta estrea que supuxo a D3Mobile Metrology League.
Estudantes do IES de A Guarda, campións do certame de modelado 3D con teléfono móbil
Compartir Este Artigo
