Esta semana presentáronse máis detalles dun programa galego dirixido a impulsar a competitividade das nosas PEME a través da creatividade produtiva. Trátase de Innoempresa, que vén da man do Instituto Galego de Promoción Económica e que podería chegar a un orzamento de 7 millóns de euros para o pulo de iniciativas privadas de I+D. O punto de partida é de máis de 3 millóns de euros en axudas para apoiar o financiamento de proxectos empresariais orientados a impulsar a competitividade a través do incremento da capacidade innovadora das PEME, aspecto que o IGAPE considera fundamental para que aquelas poidan mellorar, afianzarse e acadar novos mercados.
Segundo avanzou o instituto, teñen preferencia e apoios de especial intensidade os proxectos localizados nas provincias de Lugo, Ourense, Ferrolterra e Costa da Morte, ao abeiro dos respectivos plans Impulsa, así como os que prevén creación de emprego, especialmente nos colectivos de difícil acceso ao mercado laboral, e os proxectos de cooperación.
A través do Innoempresa, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 8 de xullo e que contempla apoios que poden chegar ata o 50% do investimento subvencionable, facilítase a posta en marcha de proxectos empresariais ao abeiro de tres liñas básicas de actuación: innovación organizativa e xestión avanzada; innovación tecnolóxica e calidade; e proxectos de innovación en colaboración. “Estes gozan de prioridade fronte aos proxectos individuais das PEME e acadan as máximas intensidades de axuda do programa, que na anterior convocatoria mobilizou 6,5 millóns de euros en máis de 180 proxectos dos cales se beneficiaron 266 PEME galegas”, engade o IGAPE.
A convocatoria do programa Innoempresa desenvólvese en cooperación coa Axencia Galega de Innovación. O programa, explican, “enmárcase no impulso da Xunta á mellora competitiva e á innovación empresarial como eixos para a reactivación económica de Galicia, e súmanse a instrumentos como o fondo de capital risco i2C, e aos programas que desenvolve a Axencia Galega de Innovación, como o Innterconecta, que permitirá na súa segunda fase a mobilización dun total de 150 millóns de euros entre investimento público e privado”.
O programa Innoempresa prevé mobilizar 7 millóns de euros para impulsar a innovación nas nosas PEME
Compartir Este Artigo
