Santiago en Red é un portal en liña de negocios, acabado de pór en marcha, que ten o punto de mira en innovadores xeitos de promover, vender e distribuír. Ou sexa, que dende Santiago en Rede apóstase de cheo por esa fórmula que se ben non nos vai sacar da crise, si que está a axudar, dende logo, a que certos sectores do tecido produtivo manteñan o tipo ou mesmo vexan un aquel de luz: falamos da promoción e o comercio electrónicos. A confianza no ecommerce, fundamento de Santiago en Red, non semella unha confianza inventada. Tanto os estudos recentes da Comisión de Mercado das Telecomunicacións coma os do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) apuntan ao elevado potencial da actividade comercial electrónica, aplicada ao tecido produtivo, para axudarnos a atopar escenarios alternativos aos que nos levaron á crise. Polo tanto, Santiago en Red axudaralles ás empresas de Santiago e contorna, de toda índole, a facer o que viñan facendo ata o de agora (crear, promoverse, vender, distribuír) pero dunha maneira diferente.
Que se gaña con todo isto? Pois, como comezo, estar na Rede, que cada vez máis, a nivel empresarial, é o máis parecido que hai a existir. Para saber un pouco máis dos obxectivos e liñas de traballo do devandito portal, puidemos falar con Ignacio Lens Sarasquete, principal impulsor desta iniciativa, para quen está claro que é hora de empezar a facer as cousas dun xeito diferente.
-Que terán as empresas de Compostela que colaboren con Santiago en Rede que non tiveran ata o de agora na súa actividade tradicional? Que poderían gañar? Que poderían perder?
-Pois ante todo terán outra opción a estar presentes na Rede de Redes. Terán tamén un portal onde poderán pór noticias ou publicar ofertas que sairán publicadas tanto en Internet como na aplicación móbil que moita xente levará no seu peto.
-Cales son os servizos máis importantes que pon a disposición dos negocios locais o teu portal?
-Os servizos que o portal ofrece comezan cunha ficha onde se describe o negocio, cos seus datos, paxina web, correo electrónico, xeolocalización, e que incorpora dúas solapas mais, unha de noticias e outra de ofertas, que sairán publicadas os días pactados. Tamén poderán optar a facer cursos de comercio electrónico, marketing dixital, Badulake (xestionar unha tenda virtual) ou de Webber, que é unha forma moi sinxela de facer paxinas web. O portal irá incorporando elementos, cada pouco, para mellorar a medida que as ideas vaian xurdindo. Xa teño algunhas ideas ao respecto que penso que beneficiarán aos clientes. Penso que cara a setembro xa estarán listas.
-Diciamos na entradiña desta entrevista que portais como Santiago en Red amosan unha vontade de querer facer as cousas de maneira oposta, que non teñan nada que ver coa crise esta na que estamos metidos, case sen excepción, e sen moitas opcións de ver o final. Cres que é verdade isto? Fai falta que a xente se anime a estar na Rede e nos móbiles dos clientes potenciais, a anunciarse e promoverse en liña, a dar conta das súas ofertas e descontos e levalos o máis lonxe posible?
-Ben, eu trato de ser positivo e a xente ten necesidade de crer. Poñemos enriba da mesa ferramentas para ter máis presenza no mercado co conseguinte beneficio económico.
-Dicía o director xeral de Red.es, Borja Adsuara, nunha entrevista recente con Código Cero que certamente en moitos sectores o comercio electrónico chega a ser efectivo, pero noutros non. Sen embargo, mesmo para estes últimos, o ecommerce é unha ferramenta a todas luces útil. Un exemplo disto é a venda de pisos e casas. Dicía Adsuara que as persoas que mercan casas por Internet pódense contar cos dedos dunha man, pero que as que teñen mirado casas (que logo poden mercar ou non) cóntanse xa por millóns. O mesmo acontece cos coches, antes de mercar un botamos unha ollada á Rede, comparamos prezos, etc. Que opinas ti das vantaxes que teñen as redes para as empresas galegas e para as que che collen máis de preto, pola túa actividade, as de Santiago de Compostela?
-Cada vez mais, a xente busca, indaga máis na Rede como primeiro paso para tomar unha decisión, e isto fai que o que non teña presenza neste medio, perda moitas posibilidades de vender os seus produtos ou servizos.
-Con Santiago en Rede, vaste limitar a Santiago capital ou tamén pensas chegar á súa comarca e arredores? Tes en mente algún proxecto para estender a fórmula a outras comarcas ou cidades?
-Polo de agora só teño Santiago capital, pero non descarto medrar, coa conseguinte creación de emprego, pero son consciente de que as cousas hai que facelas con calma e ben feitas e, coma outros moitos, estou moi pendente das axudas que o Goberno poña enriba da mesa.
-Estás a centrarte en ámbitos comerciais concretos ou queres ter, no teu portal, unha oferta o máis completa, integral e universal posible?
-No portal haberá todo tipo de negocios, dende avogados, pasando por médicos, arquitectos ou tendas de animais. Restaurantes, moda, etc. Ninguén queda fóra.
-De cara ao cliente ou usuario, que lles ofrece o teu portal? Se eu quixera mercar un portátil concreto, e quixera facelo en Compostela, o antes posible, como me axudaría Santiago en Red? Axudaríame tamén a conseguir produtos máis baratos?
-Si, haberá a posibilidade de engadir e publicar ofertas, de consultalas, que sairán nas primeiras paxinas do buscador Google, ademais da ligazón das empresas que publiquen as devanditas ofertas. Todo é mellorable e xa estou dándolle voltas a melloras no servizo.
-Como están respondendo as empresas locais? Con cantas contades a día de hoxe e con cantas esperades contar a finais de ano?
-Nestes momentos, que levo 10 días, conto con máis ou menos vinte empresas. Están a responder bastante ben, non é un produto caro, e sempre é unha opción máis, unha opción a ter en conta, para aparecer no mercado. A finais de ano gustaríame ter arredor das trescentas empresas.
-Cales son as principais pegas ou escusas que vos poñen as empresas para non animarse a comezar o camiño da súa actividade comercial na Rede? Que lles dicides para convencelas?
-A crise, como poderedes supoñer, é o principal motivo de rexeitamento. Moitas empresas non saben o que vai pasar mañá, se terán que botar o peche ou poderán aguantar un mes ou dous mais. A incertidume é moi grande. Eu amósolles o produto aos empresarios e aos profesionais, para que se convenzan por si mesmos.
-Cres que hai algún sector do tecido produtivo compostelán que precise, máis que os demais, estar na Internet e nos móbiles dos usuarios potenciais, anunciando os seus produtos e comunicándose coa xente?
-Penso que todos os sectores deben estar na Rede en maior o menor medida. Pódese dicir que o que non este na Rede, non sairá na foto.
En marcha Santiago en Red, combustible en liña para as empresas da capital galega
Compartir Este Artigo
