Os informes da CMT confirman que o comercio electrónico segue a medrar, malia a crise

xoves, 26 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Malia que nos últimos tempos tamén chegan á nosa redacción informes que apuntan a un decrecemento ou a unha desaceleración da curva de ingresos do sector das TIC, a verdade é que aínda pesan máis, na balanza, os informes positivos. Entre os que máis folgos desencadean atópase sen dúbida o que veu os días pasados da man da Comisión para o Mercado das Telecomunicacións a través do Informe de Comercio Electrónico do IV Trimestre de 2011, no que se confirma que hai moitas cousas que continuarán a desgastarse, incluso cousas TIC, pero ao comercio electrónico, polo de agora, non hai que o toque. Segundo nos contan dende firma Elogia, “é como se as ofertas on line se amosaran inmunes ao ambiente de crise xeral”.
Respecto aos datos do informe, constátase que o comercio electrónico estableceu un novo récord de facturación en 2011, máis polo miúdo chegando aos 9.201 millóns de euros, un 25,70% máis ca no exercicio anterior e un 60% superior ao de 2009.
Esta investigación, na que se contabilizan as compras realizadas por Internet mediante tarxeta de crédito, amosa que o cuarto trimestre do ano pasado achegou un máximo histórico con 36,9 millóns de transacción. As axencias de viaxes e o transporte aéreo ocuparon o primeiro e segundo posto da listaxe, sumando entre ambas máis de unha carta parte da facturación total do comercio electrónico. A promoción directa (6,7%) e o transporte terrestre (5,9%) emprazáronse na terceira e máis na cuarta posición, seguidos polos xogos de azar e as apostas.

PUBLICIDADE