
O proxecto aposta por experimentar co artellamento dun cluster (termo inglés que se emprega nos eidos tecnolóxico e empresarial para referirse a distintos agrupamentos ou conxuntos integrados de elementos) que poña en rede a creación de traxectos turísticos e culturais, empregando os recursos que ofrecen as novas ferramentas da imaxe. Un exemplo disto é o traballo despregado pola Deputación de Ourense, integrante do Proxecto Imagina Atlántica, para achegar valor engadido á Ribeira Sacra a través dun proxecto piloto innovador que, por certo, vaise presentar na conferencia.
As actividades do proxecto consistiron primeiramente na creación dun eixe de competencias e recursos atlánticos da imaxe. Esta actividade, informa a Deputación de Ourense, articulouse na identificación e inventariado dos polos de imaxe existentes no territorio do Arco Atlántico (empresas, entidades de formación, equipamentos públicos, asociacións e outras entidades cuxa actividade está consagrada ao dominio da imaxe). Por outra banda, ao abeiro de Imagina Atlántica definiuse e púxose en marcha unha liña de programas de intercambio para novos profesionais e expertos, plans de fluxo de bolseiros e estudantes e diferentes seminarios técnicos internacionais ligados ás actividades do proxecto. Este tamén se está a centrar, como dixemos, na posta en valor do patrimonio atlántico e das súas capacidades de expresión, e todo a través de propostas como a animación de circuítos turísticos (grazas ao apoio dun equipo transnacional de expertos e ao emprego de novas tecnoloxías de imaxe). Asemade, o proxecto configurou unha axenda de promoción de seu, favorecendo a circulación de creadores por medio dun concurso internacional e organizando a conferencia internacional que se vai celebrar en Ourense. A maiores, púxose en marcha o grupo de traballo Territorios Creativos, que se encamiña a capitalizar o conxunto de experiencias das actividades previas para dar forma a unha estratexia de promoción dunha “Eurorrexión Atlántica virtual das tecnoloxías da comunicación e da imaxe”. 
Actividades principais
1 Produto Piloto Turístico Innovador
Como dixemos, entre as accións incluídas no proxecto atópase unha iniciativa de vangarda para impulsar o potencial turístico das contornas participantes en Imagina Atlántica, máis polo miúdo un Produto Piloto Turístico Innovador cuxo xermolo estivo no estudo pormenorizado das necesidades dos socios do proxecto e na conseguinte posta en marcha dende Grand Angoulême dunha solicitude de propostas a nivel europeo para o desenvolvemento dunha ferramenta de acceso que emprega a tecnoloxía da imaxe (cinema, exploracións en 2D e 3D) coas funcionalidades que incluímos de seguido: cubrir tódolos sectores de idade permitindo o acceso ao maior número de persoas, impulsar a asociación de termos animación-interactividade-conservación do patrimonio, presentar a cidade ou contorna implicada de xeito orixinal e achegar unha base tecnolóxica e metodolóxica de tódolos territorios do Proxecto Imagina Atlántica. Tres foron finalmente os proxectos seleccionados:
· Creación dun circuíto dixital para descubrir a herdanza da sociedade proposta por Axon Deseño.
· A proxección dunha creación de produción audiovisual proposta polo ETC.
· A creación dunha guía dixital para descubrir o patrimonio que implica a realidade aumentada, proposta pola compañía Monument Tracker.
A proposta vencedora foi a realizada por Monument Tracker.
2 Territorios Creativos
O obxectivo desta actividade é a constitución dun grupo de traballo composto polas diferentes colectividades da rede Imagina Atlantica e dos expertos autorizados para efectuar a análise do potencial e as oportunidades dos territorios do arco atlántico. Neste marco, o grupo de traballo contempla cinco reunións sobre os 3 espazos europeos cubertos polo programa (Galicia / Norte Portugal, País de Gales, Poitou-Charente) para actuar sobre o sector da imaxe a escala europea, subliñar a importancia da cultura como elemento de creatividade e de cohesión social e favorecer os intercambios de saber e de competencias, entre outros moitos obxectivos. A finalidade é presentar ás instancias europeas, tanto os estados membros como ás institucións locais e rexionais, as propostas concretas sobre o plan operacional con vistas a emendar ou orientar as políticas xa en execución.
3 Programas de Intercambio
Elaborado co obxectivo de favorecer os achegamentos entre os actores locais dos diferentes territorios para a creación do devandito cluster, os programas de intercambio están dirixidos para un público de novos profesionais e, tamén, de expertos consolidados. Entre as accións concretas a desenvolver atópanse a celebración dun workshop entre universidades e escolas superiores do Arco Atlántico, a elaboración dos programas de visitas de profesionais novos e emprendedores e a posta en marcha de seminarios profesionais. “Estes programas de intercambio”, informa a Deputación de Ourense, “artéllanse ao redor de transferencia de competencias, do coñecemento dos recursos rexionais e sobre a difusión da información sobre os modos de organización para definir as colaboracións entre os socios”.
Fundamentos e socios do proxecto
Imagina Atlátnica é un proxecto desenvolvido no marco do programa de cooperación transnacional INTERREG IV B Espazo Atlántico, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Este proxecto, de tres anos de duración (2010-2013), ten por obxectivo crear, no espazo atlántico, un cluster sobre as novas tecnoloxías dentro do sector da imaxe e a súa aplicación innovadora para a promoción dixital do patrimonio do Espazo Atlántico. O proxecto agrupa a Gales, Poitou-Charentes (Francia), Galicia e o Norte de Portugal. A nivel máis específico, cóntase con Grand Angoulême (Francia), o Eixo Atlántico – Galicia e Portugal, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, a Fundação da Juventude – Norte Portugal e CAST Limited – País de Gales.
Imagina Atlántica tira partido das novas tecnoloxías da imaxe para pór en valor a nosa riqueza cultural e turística
Compartir Este Artigo
