O Servizo Galego de Saúde finalizou a reubicación da infraestrutura tecnolóxica dos seus sistemas de información no Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) situado na Cidade da Cultura, desde o que se xestionan agora servizos como a historia clínica electrónica, a e-receita, a cita previa ou o Expedient-e. Este traslado enmárcase no proceso de integración de todos os servizos TIC da Xunta nesta plataforma tecnolóxica de altas prestacións, que permitirá ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns, incrementando a súa dispoñibilidade con todas as garantías de seguridade.
Ademais, o CPDI proporciona a capacidade de crecemento para abordar proxectos tecnolóxicos chave da Administración autonómica como o Innova Saúde e Hospital 2050, que está a impulsar a Consellería de Sanidade, segundo explicou a conselleira, Rocío Mosquera Álvarez, nunha visita ao centro, na que estivo acompañada de Mar Pereira, a directora da AMTEGA, departamento que xestiona o CPDI.

En concreto, a infraestrutura trasladada polo SERGAS é a que se utiliza para garantir a alta dispoñibilidade dos sistemas de información como servidores, sistemas de almacenamento, electrónica de telecomunicacións e equipamento de copias de seguridade dos datos; que complementa á existente no CPD de Conxo. Antes deste proceso de cambio, a infraestrutura TIC estaba instalada nos Centros de Procesos de Datos de Conxo e do Hospital Clínico de Santiago.
Coa integración no CPDI reubicáronse un total de 207 servidores de datos, catro cabinas de almacenamento de información, 39 equipos de electrónica de telecomunicacións (tanto de voz como de datos) e catro librerías para a xestión de copias de seguridade. Así mesmo, replicouse un volume de 216 Tb brutos de información nos sistemas de almacenamento, conseguindo que dita información estea dispoñible en tempo real en ambas ubicacións.
Complétase o traslado dos servizos tecnolóxicos do SERGAS ao novo CPDI da Xunta
Compartir Este Artigo
