
O obxectivo desta liña de traballo do centro galego é superar unha serie de obstáculos (todos sabemos que non é o mesmo usar GPS ao aire libre que baixo teito) para optimizar a tecnoloxía de localización en interiores e abrir, desta maneira, un amplo abano de funcións e servizos: trazabilidade de persoas ou obxectos, navegación en interiores (de gran utilidade en museos ou en áreas comerciais, por exemplo) ou xestión eficiente de recursos ou a seguridade.
Para comezar, botouse man dun eido tecnolóxico en desenvolvemento para o posicionamento en interiores (IPS, Indoor Positioning System), ámbito no que se están a probar unha serie de alternativas, segundo informa Gradiant. Como por exemplo do uso de estándares de transmisión sen fíos de datos en redes de área local (como son Wi-Fi 802.11 e 802.15.4) para o posicionamento de nodos móbiles, aproveitando a súa ampla difusión no mercado, “aínda que isto permite alcanzar precisións limitadas (entre 2 e 5 metros)”, engade o centro galego. Unha segunda alternativa para IPS é o uso de ultrasóns, cos que se logran precisións da orde de decenas de centímetros en escenarios con visión directa, usando para iso hardware dedicado de baixo custo. Asemade, hai unha opción para os sistemas de ultrasóns nos que a visión directa non é posible, e é o uso de UWB (Ultra Wideband), que amosa capacidade para achegar precisións milimétricas, aínda que o custo de implantación é moito maior. A maiores, tamén se está a experimentar coa navegación inercial baseada en acelerómetros e xiróscopos combinada con outros IPS coma os devanditos, ou con novos estándares de Bluetooth. No que se refire a todo este amplo escenario de investigación, Gradiant traballa arestora con boa parte das ditas liñas de traballo, aplicando a súa experiencia en IPS baseados en ultrasóns, UWB, navegación inercial ou 802.15.4 a proxectos como SISTOLE e SMARTED, entre outros.
Os investigadores de Gradiant impulsan novas tecnoloxías para o posicionamento en interiores
Compartir Este Artigo
