A empresa galega Edisa, especializada en desenvolvemento de recursos tecnolóxicos para a xestión empresarial, vén de presentar unha nova achega dixital de seu, desta volta unha páxina web, orientada a servir de canle de información sobre todo o relacionado cunha das súas grandes achegas: a plataforma Libra. A través desta web (www.atlaslibra.com), a compañía galega quere dar acceso a unha extensa documentación sobre os 24 módulos dispoñibles da dita ferramenta de aplicación corporativa, “constituíndo un servizo que servirá de utilidade tanto para a comunidade de usuarios actual de Libra, como para colectivos de alumnos, profesores, consultores ou calquera persoa en xeral que estea interesada nunha visión práctica deste tipo de sistemas”, informa Edisa.
O portal, amais de incorporar a documentación completa dos 24 módulos que actualmente integran o devandito produto, amosa unha estrutura dinámica de recursos para abordar o achegamento á información:
· Unha ollada en 30 segundos de cada un dos módulos.
· Un detalle superior que require uns 3 minutos para cada módulo.
· Un glosario de termos, con aproximadamente 400 conceptos utilizados en Libra.
· Toda a árbore de menú da aplicación Libra en cada un dos seus módulos.
· A descrición funcional de cada un dos programas.
Segundo explica a compañía con sedes en Ourense (Tecnópole) e Vigo, Libra é nestes intres “a aplicación de xestión empresarial de meirande dimensión desenvolvida por unha empresa española, sendo o produto líder nalgúns segmentos de mercado en empresas medianas e grandes”. Tanto esta plataforma como a web Atlas Libra están a permitir, por outra banda, a incorporación do software de xestión a nivel docente en programas universitarios ou en ciclos de Formación Profesional, “ao fornecer unha extensa documentación que facilita o labor docente”.
Edisa lanza unha nova web para accedermos a toda a información da plataforma Libra
Compartir Este Artigo
