A Rede é un eido de observación e actualización de primeira orde cando un programa de uso estendido, sexa libre ou pechado, deixa de estar operativo. Poñamos por caso o acontecido con Google Reader, que, como comentamos en Código Cero, cesou a súa actividade co arranque do mes, obrigando a unha chea de usuarios a facer copias de seguridade das canles RSS ás que estaban subscritos ou a migrar a algunha das opcións dispoñibles, algunhas das cales xa tivemos ocasión de avanzar (como por exemplo Feedly, The Old Reader ou AOL Reader, que daquela sinalamos como unha das melloras alternativas a ter en conta). Pois ben, segundo nos contan dende PortalProgramas, o servizo de ferramentas para descargar de balde, hai máis opcións cás devanditas.
Para comezar, dende a devandita web lembran que non hai mal que por ben non veña. De feito, sinalan que o cesamento de actividade de Google Reader pode ser unha oportunidade, alén da opinión máis ou menos estendida de que a decisión do buscador foi unha faena para todos aqueles usuarios que converteron o servizo centro de toda a súa información. Para PortalProgramas, o servizo Feedly é sen dúbida un servizo mellor có achegado por Google, máis adaptado aos novos tempos e moi ben presentado para o seu uso. Asemade, os responsables da web salientan as opcións que achega Flipboard, que atesoura xa un millóns de descargas no Google Play e que está a acadar gran popularidade nos móbiles polos seus contidos recomendados. Tamén destacan as posibilidades de RSSOWL, lector RSS en cliente instalable que permite ler sitios de sindicación sen estarmos conectados a Internet, ademais de ter capacidade para ler ATOM, Newsfeed ou RDF. Tamén cómpre ter en conta a potencialidade de Digg Reader, que xa avaliamos brevemente en Código Cero. Trátase dunha ferramenta de Digg (servizo de novas sociais) que xa acubilla sete millóns de feeds (e subindo), e que responsables do seu desenvolvemento cualifican de “sinxelo, minimalista e lixeiro”. Con todo, faltan aínda funcións por integrar.
Máis opcións de uso tralo cesamento de actividade de Google Reader
Compartir Este Artigo
