Entre os fornecedores da mostra de tecnoloxía pretérita da que falamos onte en Código Cero, a que acubilla o Museo de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña baixo a etiqueta de Cachivaches, atópase a empresa galega Televés, unha das principais construtoras galegas dese mundo que, se ben xa ficou atrás, ten unha chea de liñas abertas no presente. De feito, tal e como nos lembra a firma con sede en Santiago, coñecer os electrodomésticos ou vehículos do pasado, é adquirir o coñecemento preciso para adiantarnos a este intre que estamos a vivir. Leas aparte, a compañía galega contribúe coa peza de meirande tamaño da mostra (2,8 metros de diámetro), unha razón de peso, nunca mellor dito, para certificar “a entrada de Televés na historia oficial da tecnoloxía estatal”, sinala.
O aparello en cuestión non é outra cousa que unha antena parabólica multisatélite, no seu día un fito tecnolóxico que posibilitaba por primeira vez en España a recepción ao mesmo tempo de sinais procedentes de ata tres máquinas en órbita. A antena, doada por Televés ao Museo, comparte espazo expositivo con pezas que retratan e amosan a nosa historia científico-tecnolóxica do século XX, como por exemplo un automóbil SEAT 600, un computador persoal Macintosh Plus Apple ou unha máquina de coser de 1904. Televés considera “un orgullo poder achegar ao MUNCYT unha peza que é digna representante da súa vocación innovadora, unha vocación que distinguiu á compañía dende a súa fundación en 1958 e que lle permitiu desenvolver e lanzar ao mercado centos de produtos punteiros, manténdose na vangarda internacional de tecnoloxía para a recepción, medida e distribución de sinais de radio e televisión”.
Televés contribúe coa peza de meirande tamaño á mostra de tecnoloxía do MUNCYT
Compartir Este Artigo
