Captura da web intervida, feita por Gustavo Santos / El Faro de VigoA web do PP de Pontevedra ergueuse esta mañá boicoteada de novo polo grupo Anonymous, que, como todos sabemos xa a estas alturas, trátase dunha fronte internacional de ciberactivistas con diferentes ideoloxías antisistema e variados niveis de cohesión e, xeralmente, unidos fronte a corporacións ou administracións de moi variada índole. Como lembraremos, a páxina dos populares de Pontevedra xa foi intervida en maio coa clásica marca da casa de Anonymous, a careta de Guy Fawkes empregada polo protagonista da obra gráfica V de Vendetta. Porén, o ataque deste mércores ten un cariz distinto, xa que visualmente manifestouse na transformación da gavota branca do PP nun voitre. Asemade, déuselle a volta ao logotipo de partido e pintouse de negro e azul o emblema popular. Para quen non houbese dúbida sobre a autoría dos feitos, a intervención incluíu a seguinte mensaxe: “Somos Anonymous, somos lexión, non perdoamos, non esquecemos, agardade por nós!”, acompañado todo de dúas etiquetas, #CuentasDelPP e PPgoteras. Ao mediodía, segundo informan os medios, devolvéuselle á web a súa feitura natural.