O Clúster da Madeira de Galicia (CMA), tras coñecerse as novas directrices marcadas por Europa encamiñadas a impulsar a figura dos clústers, está a salientar a súa adhesión ao alicerce básico destas directrices e a pór enriba da mesa, visibles, as múltiples vantaxes que pode traer este modelo de alianza empresarial para un país coma o noso: máis e mellor innovación, máis competitividade, máis desenvolvemento sustentable da industria e dos servizos, máis riqueza e máis emprego. No eido que nos ocupa, o das novas tecnoloxías da información, sinalar que o posicionamento do CMA e o seu manifesto a prol da clusterización xa foi asumido e compartido polo Clúster TIC Galicia, que subscribe o devandito. O mesmo fixo o Clúster do Audiovisual (CLAG).
Respecto ás devanditas directrices, lembra que o Comité das Rexións (CDR) estableceu nas súas consideracións xerais que os clústers son importantes motores e condutores da innovación e da produtividade, amais de favorecer a cohesión territorial e a sustentabilidade das economías da Unión Europea. O Comité, segundo nos recorda o CMA, sinala que é precisa “a participación das autoridades públicas e entidades privadas no estímulo aos clústers e no apoio ao mantemento destes na vangarda dos seus sectores”, salientando que o papel do sector público debe ser crear as condicións da contorna axeitadas para o desenvolvemento deste novo tipo de asociacións.
En base a isto, o CDR propón a dotación de axudas financeiras que faciliten a interconexión de pequenas e grandes empresas localizadas nun mesmo territorio e a apreciación das potenciais sinerxías que se poidan dar. A xuízo do Clúster da Madeira e do Clúster TIC, “as axudas presentadas recentemente pola Consellería de Economía e Industria e a súa xestión a través do IGAPE apoian as declaracións realizadas polo CDR e apoian, así, as actividades en materia de innovación desenvolvida polos clústers, coa finalidade de aumentar a competitividade económica e empresarial de Galicia, a través da incorporación das PEME ás novas tecnoloxías e á Sociedade da Información”.
Para estas novas frontes empresariais beneficiarias, esta aposta da Administración é “motivo de celebración”. Ao seu xuízo os clústers son “un instrumento para a mellora da competitividade do tecido industrial galego e que ofrecen numerosas vantaxes ás empresas que forman parte delas: información especializada dunha maneira doada e económica permitindo ás súas empresas asociadas incrementar a súa eficiencia e produtividade e é a canle de comunicación coa Administración”.
Os Clústers da Madeira, do Audiovisual e das TIC avogan por impulsar o seu modelo de traballo dende tódalas frontes
Compartir Este Artigo
