
O equipo está composto por Laureano González Vega, profesor da Universidade de Cantabria, Marta González Moldes, de Trillium Consultores e Mª Dolores Castro Pais, técnica de ACSUG. Foron recibidos polo reitor, Salustiano Mato, que destacou a implicación destes dous centros e apuntou que “serán os que vaian abrindo camiño ao resto de escolas e facultades que deberán pasar por este proceso no futuro”.
Segundo explica a UVigo, a tarefa de implantación de sistemas de calidade comezou no curso 2009-2010. Nunha primeira fase elaboráronse os protocolos e sistemas de calidade que afectan a todos os eidos do centro, dende a docencia ata a administración, as prácticas pre-profesionais ou a comunicación interna e externa. “Estes sistemas de garantía de calidade”, explica o vicerreitor do Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, “están acreditados polo programa Fides-Audit en todos os centros da Universidade de Vigo, pero agora o que toca é a súa aplicación prácticas, comprobar como se están poñendo en marcha”.
Para a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Edita de Lorenzo, e o decano de Bioloxía, Jesús Míguez, o proceso de implantación dos sistemas de calidade foi “intenso e progresivo e requiriu a colaboración de todos os sectores, dende os docentes e investigadores, o persoal de administración e servizos e o alumnado, así como unha importante coordinación con outros servizos alleos aos centros”. E engaden: “É dificultoso porque é algo novo ao que hai que acostumarse e adaptar uns protocolos que xa veñen determinados ás necesidades e características dos nosos centros”. Ao seu xuízo, os beneficios destes sistemas son claros, sobre todo no eido da comunicación (máis transparencia, máis simplificación nos procesos, máis compromiso coa claridade).
Auditores avalían a aplicación dos sistemas de calidade en Enxeñería de Telecomunicación e Bioloxía (UVigo)
Compartir Este Artigo
