O día 24 de xullo a empresa galega Dismedia, especializada na achega de innovacións tecnolóxicas para o ensino (incluído o seu encerado sen sombra, do que xa falamos en Código Cero), vai presentar no Centro Demostrador TIC de Santiago, en horario de 10 a 14 horas, tres produtos de “alto interese e proxección para os nosos colexios e centros educativos en xeral”. A presentación, moi dirixida á comunidade docente e aos responsables directos do noso ensino privado ou concertado, comezará cunha exposición das vantaxes de Diodro, plataforma educativa dixital deseñada e realizada dende A Coruña e dirixida, en boa medida, a facilitar a xestión integral de calquera tipo de centro educativo.
Segundo explica José Juan Nimo, de Dismedia, Diodro é un recurso moi doado de integrar en calquera emprazamento e cobre tódalas necesidades da dirección dun centro educativo (altas, baixas, faltas, circulares, notas, comunicacións ou actividades). A maiores, Dismedia tamén fará unha completa demostración das funcionalidades de Grammata (libros dixitais e tablets para as aulas) e EscudoWeb (sistema de protección total para os menores na rede, extensible aos fogares dos alumnos).
Dismedia presenta no CDTIC tres recursos con múltiples aplicacións nos nosos centros educativos
Compartir Este Artigo
