A Escola Universitaria Politécnica da Universidade da Coruña, Campus de Ferrol, foi o escenario para a presentación dunha nova plataforma tecnolóxica de nome Travato, dedicada a favorecer o contacto entre empresarios alemáns e enxeñeiros navais e industriais de todo o conxunto do Estado, facéndose especial fincapé na nosa terra debido á súa longa tradición e sobrada valía neste eido de actividade. Segundo informou a UDC, a ferramenta en liña foi impulsada por 64 firmas xermanas dos sectores da enxeñaría, o metal e a electrónica, un tecido industrial que naquel país abrangue a preto de 17.000 traballadores. O caso é que moitas destas empresas están a día de hoxe en proceso de fortalecemento e espallamento, polo que serán precisos determinados profesionais para darlle folgos ao proceso. Máis polo miúdo, enxeñeiros para os eidos de vendas, mercadotecnia e automatización, entre outros.
O portal travato.eu está dispoñible en español, inglés e alemán. O rexistro é totalmente de balde. Os aspirantes interesados nos seus servizos deberán introducir nun banco de datos o seu currículo, o seu perfil profesional e documentos acreditativos. A plataforma fornecerá aos enxeñeiros galegos e españois, en caso de que haxa contratación, recursos variados de formación e asesoramento, como por exemplo cursos de linguas ou axuda para a busca de aloxamento en Alemaña. Como dixemos, Travato vén da man dunha serie de firmas do país europeo, establecidas nun clúster empresarial. Na presentación do portal fixeron acto de presenza Pascal Lampe, xerente da rede industrial Niro Renania Westfalia do Norte e socio xerente de Travato; Pedro Crovetto, responsable de Lingua Circle, entidade que se encargará dos cursos de idiomas, e Insa Kunz, xefa de proxectos de sociedade de responsabilidade corporativa e relacións comerciais de Travato.
Presentada en Ferrol unha nova plataforma para ofrecer emprego en Alemaña aos nosos enxeñeiros
Compartir Este Artigo
