O centro galego Gradiant vén de amosar a súa experiencia e as súas liñas de investigación en Portugal. Máis polo miúdo, nas Xornadas sobre implantación da Axenda Dixital Local de Penafiel, que se celebraron os días 11 e 12 de xullo nesta localidade lusa. No encontro, en representación do centro vigués de I+D, participou o investigador Daniel A. Rodríguez Silva, quen centrou a súa presentación nas infraestruturas e telecomunicacións precisas para a integración e afianzamento da Axenda, entre as que cómpre salientar a computación na nube, o big data analysis ou a tecnoloxía 4G (a cuarta xeración de comunicacións para telefonía móbil).
Asemade, a xuntanza serviu para afondar en recursos innovadores con aplicación potencial no eido das cidades intelixentes, nas que Gradiant, como lembraremos, centra unha boa parte dos seus traballos (Internet das cousas, realidade aumentada, radio cognitiva), situándose á vangarda da investigación europea neste ámbito. Segundo informa o centro vigués de I+D, “un dos aspectos máis relevantes tratados na xornada foi a dimensión legal sobre a seguridade dos datos e os servizos implantados, especialmente na nube, unha liña na que Gradiant traballa e ofrece xa solucións avanzadas de privacidade e seguridade na nube a través do proxecto Scape, desenvolvido en colaboración coa Fundación Barrié)”.
Lembrar que a ADL (Axenda Dixital Local), é unha estratexia europea (da Unión Europea a 27), que naceu en 2005 para dar resposta á crise económica global a través de estratexias comúns que inclúan, entre outros aspectos, a interoperabilidade no territorio UE, a mellora dos accesos a Internet e a alfabetización dixital. O eido de aplicación da ADL abrangue ámbitos como por exemplo os servizos municipais, as áreas de sanidade ou o deporte.
Gradiant amosou a súa actividade nos encontros sobre a Axenda Dixital Local Europea de Penafiel
Compartir Este Artigo
