En España denunciáronse ao redor de 280.000 móbiles roubados ou perdidos en 2012, a maior parte deles no verán. A cousa agrávase coa crise (máis xente á procura de recursos que logo pode revender no mercado negro) e cun proceso de renovación de trebellos entre usuarios que acada, malia a focha económica, as súas cotas máis altas (os teléfonos intelixentes, xa nos petos dunha boa parte da poboación, son especialmente cobizados). Con todo, hai un terceiro factor a ter en conta: no verán estamos máis na rúa. Consecuencia disto: o teléfono tamén pasa máis tempos nas terrazas dos bares ou na praia, entre as toallas e as cremas. A Rede achéganos estes días unha serie de consellos a ter en conta. Por exemplo o que nos conta The Phone House facendo fincapé nas avarías ou as recomendacións de Kaspersky, que comezan apelando ao sentido común: un smarthpone sobre unha toalla na praia é un convite para despedirse del.
Asemade, non está de máis que teñamos o dispositivo baixo unha moderadamente estrita vixilancia, que o bloqueemos cando non o precisemos (bloqueo do PIN, enténdase), que botemos man dalgún programa de seguridade (cousa moi a ter en conta, e máis se pensamos no que está a acontecer con Android) e que creemos un pasaporte teléfono móbil (con tódolos detalles importantes anotados: contacto do operador, número de cliente, número de teléfono, o código IMEI de 15 díxitos e o número do cartón SIM).
En caso de emerxencia, estes son segundo Kaspersky os pasos máis recomendables a seguir: primeiro empregar outro móbil para chamar ao noso (é posible que só o perdéramos nalgún lugar e poidamos soar preto), segundo tentar xeolocalizar o teléfono de termos software de protección instalado (complementando isto co borrado do contido do trebello de xeito remoto), terceiro bloquear a tarxeta SIM e cuarto, informar á policía sobre o roubo. Cómpre que levemos tódolos datos do aparello incluídos no pasaporte: o código IMEI ou número de serie son de abondo para comprobar a propiedade do teléfono por se o ladrón é detido máis adiante.
Os expertos en seguridade lembran que no verán dispáranse os roubos de móbiles
Compartir Este Artigo
