A Tecnópole vai ser máis Tecnópole ca nunca. En boa medida, porque tecnoloxía e innovación é o que van traer, a mans cheas, as súas novas incorporacións: dúas empresas dos sectores da robótica e das telecomunicacións, segundo autorizou e informou o Consello de Administración do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) trala súa máis recente xuntanza. As novas iniciativas que se van instalar no Centro de Innovación e Empresas (incubadora da Tecnópole) son Robimat e Retega. A primeira, segundo explica o parque ourensán, é froito dunha iniciativa de emprendemento innovador para o deseño de celas robotizadas para procesos industriais.
Os seus promotores queren desenvolver solucións de automatización a medida para empresas industriais de diferentes sectores. O obxectivo dos seus equipos será optimizar os procesos produtivos dos seus clientes mediante solucións que integren a robótica, a electricidade, a electrónica e a mecánica. “Ademais”, informa a Tecnópole, “Robimat nace con dous proxectos de I+D+I xa definidos: o primeiro deles é unha cela robotizada para o paletizamento de patacas e o segundo unha aplicación móbil para o control de instalacións de domótica, que permitirá controlar cun teléfono intelixente ou un tablet o funcionamento das luces, das persianas, da calefacción, da alarma, de electrodomésticos ou de calquera dispositivo do fogar habilitado para o seu control a distancia”.
Polo que respecta a Retega (Redes e Tecnoloxías Galegas), dicir que prestará servizos de telecomunicacións relacionados coa implantación de sistemas de comunicacións fixos e móbiles, ademais de proxectos de deseño web. Os seus promotores diríxense a unha clientela ampla, desde autónomos e pequenas empresas cunha oferta de servizos básicos moi accesibles ata grandes contas nacionais con solucións avanzadas a medida, explican fontes da Tecnópole.
Unha empresa de robótica e outra de telecomunicacións, novas incorporacións á Tecnópole
Compartir Este Artigo
