A operadora de telefonía Vodafone vén de publicar os indicadores de negocio do primeiro trimestre do ano fiscal (do 1 de abril ao 30 de xuño de 2013) concluíndo estes que os ingresos por servizos chegan aos 1.023 millóns de euros, un 10,6% menos que o pasado ano. Apuntan dende Vodafone España que esta baixada é por mor da crise económica, á que hai que engadirlle unha continua caída de prezos e un descenso no número de clientes. E falando de clientes, cómpre dicir que os subscritos a Vodafone REDE e Base xa superan os 2,4 millóns, sendo usuarios de banda ancha fixa 853.000, 43.000 máis dende o último trimestre.
En termos xerais, a compañía sinala que pechou o trimestre con 14.159.000 clientes, dos que un 68% correspondían á modalidade de contrato. Máis polo miúdo, os ingresos xerados polos plans de prezos integrados aumentaron un 123% a causa do forte crecemento de Vodafone Rede e BASE, en contrato, e de Vodafone yu:, en prepago. Deste xeito, no último trimestre, o número de clientes subscritos a Vodafone REDE e Base aumentou en 903.000 ata pechar con 2.409.000. Este incremento vén á súa vez impulsado polo espallamento de uso de smartphones, que no primeiro trimestre do ano medrou en 2,4 puntos porcentuais ata acadar o 55%. En canto á banda ancha fixa, como xa adiantamos, chegou aos 43.000 clientes no último trimestre, promovida polo éxito da oferta converxente Vodafone ADSL máis Vodafone REDE ou Base.
Por último, cómpre salientar que Vodafone España conta cunha estratexia fomentada por varios trazos definitorios, sendo como é a primeira compañía en lanzar 4G en España, aumentando ata 1XB e 1000 SMS os límites mensuais de navegación e mensaxería de todos os seus plans de prezos, eliminando a permanencia en todos os plans de prezos non asociados coa adquisición dun teléfono móbil e asinando un acordo para compartir verticais con Telefónica nun proxecto de despregamento de fibra.
Vodafone España ingresa por servizos 1.023 millóns de euros
Compartir Este Artigo
