Logo das primeiras repercusións, segue a influencia da traxedia ferroviaria de Angrois na Rede, iso si, con desigual intensidade (en cantidade e en calidade) nuns medios con respecto a outros. Loxicamente, entre os medios dixitais que máis centran os seus esforzos en informar do acontecido están os medios galegos, aínda que tamén é encomiable o labor de El País ou Público, amosando un punto de vista respectuoso cos afectados e sen caer en sensacionalismos (nin sequera coa cuestión do maquinista). No caso da información galega, salientar o traballo despregado dende El Progreso (o seguimento do drama acapara a totalidade da súa web) ou dende a Opinión da Coruña, por citar dous medios xerais onde o ton adoptado semella ter sido o correcto.
No extremo oposto está La Voz de Galicia, criticada con especial intensidade por mor do estilo estilo informativo buscado para dar conta da traxedia de Angrois, un estilo que se centra, unha vez máis, na busca da imaxe máis sanguenta e dramática posible (como di un comentario na Rede, “as fotos elixidas polo medio galego serán impecables estaticamente pero reprobables eticamente”).
A contrapelo de La Voz sitúanse medios dixitais galegos como Sermos Galicia ou Praza.com, centrando os seus esforzos en buscar culpables alén do máis nidio (o doado é botarlle a culpa unicamente ao condutor) e en informar dun xeito que se convide á reflexión. Importantes tamén son as achegas de webs como Intersexciones, onde se lanzan críticas contra Televisión Española (que foi lenta en informar e logo non achegou o debido seguimento) ao tempo que se destaca o importante papel despregado pola Televisión de Galicia e a Radio Galega, dúas canles que non pararon de informar dende o primeiro intre, dende os máis diferentes puntos de vistas (múltiples testemuños e declaracións dende unha gran variedade de recantos da cidade) e dun xeito fluído e útil (con constantes recomendacións sobre que facer para pór o noso gran de area).
En cuestión de redes sociais, non parou de destacarse a actividade xerada dende Twitter, que foi sen dúbida a canle estrela informativamente falando e demostrou, unha vez máis, o seu potencial como gran medio de comunicación a disposición dos cidadáns-xornalistas que máis e mellor estean, por situación xeográfica, en disposición de informar. Segundo se conta, a mobilización da cidadanía a través destas redes sociais (Twitter sobre todo) puxo de relevo a verdadeira utilidade destes servizos, unha utilidade para difundir e comunicar á que xa non podemos ficar de ollos pechados. A xuízo dunha chea de internautas, de feito, Twitter gañoulles a partida a unha chea de medios internacionais, cousa que os leva a preguntarse que foi do proceso de adaptación á Internet do que moitos destes medios se gaban. Con todo, as redes sociais tamén teñen o seu reverso negativo, tal e como se está a ver co caso do maquinista, cuestionado nestes servizos e nos medios xerais por mor dunha fotografía publicada no Facebook onde se vía o contaquilómetros do seu tren a 200 quilómetros por hora, nunha viaxe previa, sen reparar en que para iso están este tipo de transportes: para achegar unha velocidade superior á dos coches e así xustificalos como alternativa (os 200 quilómetros por hora son, por outra banda, precisos para dar o servizo que se quere dar, sempre e cando se acaden nas zonas apropiadas). Por certo que os sinais de loito tamén están en presentes nunha chea de recantos da Rede, comezando por Google, que puxo a fita negra en sinal de loito. Ademais, a comunidade de Twitter (achegando seguimento da traxedia dende o primeiro intre da traxedias coas etiquetas #tragediasantiago, #ánimogalicia e #AccidenteSantiago), convocou onte pola tarde un minuto de silencio (sen tuits) en sinal de respecto e condolencia coas vítimas.
A traxedia ferroviaria de Santiago pon de manifesto a cara e a cruz da información dixital
Compartir Este Artigo
