Linguasnet é unha web de utilidade para milleiros de cidadáns europeos. Por outra banda, dáse a circunstancia de que foi posta en marcha dende a nosa terra, amosando unha vez máis que as boas ideas para o ámbito do coñecemento abrollan libremente dende aquí, sen que represente atranco algún o feito de que esteamos lonxe dos principais focos de produción tecnolóxica (ou sexa que cando teñen que abrollar, abrollan). Segundo nos conta estes días a prensa galega o servizo recibe xa 300.000 visitas ao ano. Ademais, é de especial utilidade para iniciar aos internautas no coñecemento de inglés, español, portugués ou romanés. Conta con financiamento da UE e, como tal, abrangue xente de tódolos seus recantos para tirar partido dos cursos multimedia que achega, cursos a través dos que se aprenden nocións básicas para, en caso de ter unha conversa cunha persoa que fale as devanditas linguas, sexamos quen de levala a cabo.
Linguas.net, que naceu en 2005, acubilla preto de 800 entradas fixas diarias de alumnos virtuais dos máis variados países. A web xerouse no IES Ribeira do Louro (Porriño) da man do profesor de Comercio Internacional Amador Ordóñez e do Concello de Mos. Ao proxecto, posteriormente, xuntouse o Departamento de Cursos Internacionais da Universidade de Santiago e a empresa Atin de asesoramento tecnolóxico, emprazada en Ponteareas. Posteriormente subíronse ao carro da iniciativa entidades dunha chea de países europeos, colaborando en contidos e orientación educativa.
O portal galego Linguasnet xa recibe 300.000 visitas ao ano
Compartir Este Artigo
