Para quen queira marchar de vacacións e sen renunciar a escoitar radio por streaming, sexa onde sexa o lugar onde se extravíe, dicirlle que xa hai unha aplicación para posibilitar o dito servizo coas maiores facilidades. Trátase de Soonora, unha ferramenta que permite coñecer as emisoras ás que podemos acceder preto do noso lugar de descanso, grazas ao sistema de localización do propio móbil. A app pódese descargar xa nas súas versións para iOS e Android (non dispoñible no momento de publicar estas liñas) e permite escoitar máis de 200 emisoras de radio nacionais que emiten por streaming. Os seus creadores prevén que a aplicación teña un millón de descargas durante 2013. Sen dúbida que a cota máxima acadarase estes días, co efecto novidade+vacacións aínda quente.
A aplicación é de balde e, segundo contan os responsables do seu desenvolvemento, é de emprego moi doado. Ademais, ao fío do devandito, informan de que no caso de que non se chegue a localizar a emisora habitual no catálogo da aplicación, os usuarios poden engadila “dunha forma moi simple” mediante 3 sinxelos pasos: indicar o nome da emisora e a súa URL ou enderezo web na que reproduce os seus contidos por Internet; unha vez superado o test de reprodución, marcar as categorías relacionadas co contido da emisora; e por último, indicar unha zona xeográfica como a provincia ou o país. Desta maneira, a emisora ficará dispoñible en Favoritos para escoitala xa de forma habitual no dispositivo móbil. “Para poder atender as peticións dos usuarios que teñan problemas coa localización de emisoras, facilitamos un mail mediante o que resolveremos calquera tipo de dúbida ou problema que poida xurdir durante o proceso”, explica Antonio Guerreiro, un dos socios e creadores de Soonora. O portal da aplicación achega ontidos e publicacións periódicas relacionadas co uso da ferramenta: novas emisoras, datos estatísticos por exemplo as horas de máis audiencia para unha emisora concreta, ou unha comunidade de Facebook con concursos, premios, xogos e outros entretementos.
Lanzada unha app para escoitarmos as radios estatais por streaming dende calquera parte do mundo
Compartir Este Artigo
