NCG Banco fixo reconto estes días do acadado en materia de implicación dixital con respecto ao servizo que achega aos seus usuarios. Así, segundo fai saber a entidade galega nun comunicado, os seus clientes realizan arestora o 53% das operacións a través de canles de banca online (Internet, móbil e teléfono). No último ano, engade, as operacións realizadas fóra da oficina aumentaron un 57%, superando por primeira vez ás que os clientes fan na rede de caixeiros automáticos e nas sucursais da entidade.
Estas cifras, a xuízo da entidade galega, son unha recompensa aos esforzos despregados recentemente a prol da optimización da calidade dos servizos de seu aos clientes. Ao abeiro disto, de feito, púxose en marcha a iniciativa O2 (Optimización Operativa), na que se insire un programa de modernización e simplificación de todo o que se fornece aos usuarios, “potenciando as canles tecnolóxicas para facilitar as xestións aos usuarios e ampliando o horario das oficinas mañá e tarde co obxectivo de ofrecer unha atención máis especializada”, explican os responsables de NCG Banco. E engaden: “Trátase de ir axudando aos clientes a realizar algunhas operacións por si mesmos e coa vantaxe de ofrecerlles canles dispoñibles as 24 horas do día os 365 días do ano. Buscamos ofrecer unha banca de servizo máis directa e personalizada”.
Máis da metade das operacións dos clientes de NCG faise a través de banca en liña
Compartir Este Artigo
