Dende o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) da Consellería de Facenda veñen de anunciar que o Sistema de Facturación Electrónica (SPE) da Xunta de Galicia permitirá aos provedores presentar a partir de agora as súas facturas por correo electrónico. Esta nova funcionalidade facilitará tamén que se poidan coñecer a través do e-mail os estados de tramitación nos que se atopan as facturas. Segundo apuntaba na rolda de prensa desta mañá Mauro González -director xeral do CIXTEC- os provedores só terán que rexistrar no sistema o enderezo de correo electrónico a través do cal se vaian enviar as facturas, que deberán estar no formato adoptado pola Administración Pública (factura-e). Co sistema de facturación electrónica pódese realizar a xestión dende calquera lugar as 24 horas do día, dun xeito máis cómodo para o usuario (xa que se evitan desprazamentos e esperas), amais de achegar a máxima seguridade.
Na comparecencia perante os medios tamén se subliñou a pretensión que a Consellería de Facenda ten para levar a cabo outras accións de cara a acadar os obxectivos que obrigan a que o 15 de xaneiro de 2015 todas as facturas sexan electrónicas. Máis polo miúdo: o establecemento dun calendario para que as entidades do sector público autonómico que aínda non empregan a vía telemática se adhiran ao sistema; a promoción e divulgación do uso da factura telemática entre as empresas da Comunidade Autónoma e a realización dunha campaña directa de comunicación ás 2.000 empresas galegas que máis lle facturan á Xunta.
A xeito de resumo, Mauro González apuntaba que no que vai de ano máis do 44% do importe facturado á Xunta ata o 15 de xullo era recibido por vía telemática; sendo electrónicas máis do 30% das facturas dos provedores da Administración autonómica, o que permite un aforro de 3,5 euros por cada unha delas. En Galicia rexistráronse preto de 37.000 facturas telemáticas, con máis de 633 millóns de euros pagados.
Os provedores poderán presentar as súas facturas a Facenda por correo electrónico
Compartir Este Artigo
