A web do Instituto Galego de Estatística, espazo con xa 17 anos de vida difundindo a información do sistema estatístico de Galicia, está a rexistrar en torno ás 37.000 visitas mensuais grazas á adaptación dos contidos da páxina aos distintos perfís de usuarios. Deste xeito, as persoas interesadas, grazas a ter aumentando os niveis de dinamismo e flexibilidade, poden obter información axeitada ás súas necesidades, tanto na forma coma na cantidade. Entre os usuarios demandantes de información máis habituais rexístranse os expertos, que adoitan reclamar datos desagregados e con información metodolóxica que os contextualice e permita a súa avaliación e comparanza.
Por outra banda, atópanse tamén os futuros clientes potenciais, aos que se dirixen produtos específicos coma o portal educativo. Este último acostuma servirse de mapas dinámicos para os quebracabezas e pasatempos. Ademais, xa se empezaron a incorporar contidos sobre o formato de presentación multimedia a través da aplicación para a creación de materiais educativos dixitais Constructor, da Consejería de Educación de la Junta de Estremadura.
Xunto a isto, o usuario máis especializado pode obter táboas, gráficos e mapas das estatísticas estruturais e conxunturais, axeitándoos en contido e formato ás súas necesidades de información. Tamén está a disposición do usuario un sistema de API de intercambio, seguindo coa iniciativa de Open Data da Xunta de Galicia para facilitar o uso dos datos con outras ferramentas e a súa integración nos diferentes sistemas.
Entre os contidos máis demandados polos usuarios destacan as consultas sobre poboación, índices de emprego, PIB, IPC ou ingresos medios. Ao mesmo tempo, todos os contidos web atópanse clasificados por temáticas, entre as que destacan economía, sociedade, cultura ou traballo, entre outras.
Asemade, o Instituto Galego de Estatística atende paralelamente á difusión xenérica de información estatística e á interacción dos usuarios a través das redes sociais Twitter e Facebook.
A páxina web do IGE rexistra unhas 37.000 visitas ao mes
Compartir Este Artigo
