
Conta, a maiores, con dúas liñas de actuación principais: por unha banda o desenvolvemento dunha ferramenta TIC para acceso exclusivo vía móbil e máis a creación dunha rede de dinamizadores locais. Os contidos, dispoñibles en galego, castelán e inglés, estrutúranse en tres rutas xeolocalizadas que dan a coñecer a vila, a historia, o mar e o porto de pesca artesanal de Malpica, un dos máis importantes da nosa terra.
Como dixemos, as novas tecnoloxías da información xogan “un papel fundamental” dentro do proxecto. Deste xeito, creouse unha ferramenta TIC propia canalizada a través do dominio malpica.mobi e do sistema Ibeaken que implica que cun teléfono intelixente poidamos acceder aos contidos xerados a modo de realidade aumentada. Póñense en xogo, ao abeiro disto, tres roteiros para coñecer a vila, a súa historia ligada ao mar, os seus principais persoeiros e máis os case 50 quilómetros de liña litoral que atesoura. Nestes itinerarios emprazáronse varios puntos de información (códigos QR xeolocalizados) para seren escaneados co móbil e logo ampliar os datos do usuario coma se este “estivese acompañado dun guía”.
A segunda liña de actuación do proxecto está relacionada coa hostalería local. En setembro, unha vez rematada a tempada alta para o sector, continuarán as actividades de específicas de formación xa iniciadas no mes de xuño. O obxectivo é que baixo unha marca turística conxunta póidase crear unha oferta gastronómica que potencie “aínda máis a calidade dos produtos do mar malpicáns e unha identidade propia para así poñer en valor o turismo gastronómico na vila”. A decena de locais implicados ata o de agora levarán o distintivo Rede de hostaleiros O mar de Sisargas e disporán de material de promoción coa marca do proxecto como salvamanteis, pousavasos, postais e chapas.
Malpica promóvese ante o mundo a través da tecnoloxía móbil
Compartir Este Artigo
