Agora que queda pouco para a volta xeral ao colexio, xa hai quen lle está a tomar o pulso aos pais en materia de inquietudes relacionadas coa Rede na súa vertente educativa. Por exemplo a consultora Conecta que, en colaboración con ONO, vén de elaborar o Informe sobre Internet de Alta Velocidade no Ámbito Educativo e Familiar, un estudo dirixido a avaliar o que opinan os maiores sobre as características que tería que ter o acceso ideal para os pequenos da casa. No informe, entre outras cousas, sinálase que para o 64% das familias españolas é fundamental para o estudo dos seus fillos dispor dunha conexión a Internet de alta velocidade, “porque a facilidade que dá Internet de acceder a toda a información de contado axuda á optimización do tempo de estudo dos seus fillos”, explícase.
Para o 78% dos enquisados, na Rede pódese atopar todo o preciso para resolver calquera dúbida ou inquietude. Asemade, o 80% das persoas que participaron no informe están de acordo en que Internet de alta velocidade facilita a comunicación entre estudantes e cos seus profesores, e o 85% sostén que a Rede é un elemento tan común na vida dos estudantes coma os libros de texto. Por outra banda, un 24% das familias afirma que aforra na volta ao cole mercando a través de Internet cunha conexión de alta velocidade, entre os que destaca a adquisición de uniformes, material escolar e libros de texto. Cómpre lembrar que o regreso á escola significou este ano un gasto medio de 211 por alumno, no caso dos centros públicos, de 587 nos concertados e de 1.500 nos privados. A través da Internet, sinálase, pódese ter máis acceso ás ofertas e a importantes aforros derivados do feito de non ter que facer desprazamentos ás tendas físicas.
Estes datos semellan estar en liña co estudo do grupo de Investigación DIM da Universidade Autónoma de Barcelona, onde máis do 50% de alumnos e profesores son da opinión que o emprego de dispositivos móbiles “mellora o rendemento académico e, polo tanto, a optimización do tempo de estudo”.
Medran as familias que cualifican de fundamental a alta velocidade en materia educativa
Compartir Este Artigo
