A Asociación de Novos Empresarios AJE-Galicia, informou este luns que xa está á procura do mellor novo empresario e emprendedor galego do ano (oitava edición). Lembrar que con este recoñecemento o colectivo premia o esforzo empresarial das mozas e os mozos pola súa contribución á mellora do desenvolvemento económico de Galicia, “moi especialmente nun intre como o actual”, engade. A convocatoria está dividida en dúas categorías: o 8º Premio Novo Emprendedor e o 8º Premio Novo Empresario. Asemade, conta con tres accésit que valorarán aqueles proxectos que destaquen pola súa innovación, a súa calidade ou por salientar en RSE (Responsabilidade Social Empresarial).
Segundo informa a asociación, “ademais dun recoñecemento público ao labor emprendedor e empresarial dos mozos como fórmula para mellorar a sociedade galega, estes premios son tamén un interesante foro de debate que mide o grao de emprendemento desenvolvido na nosa terra, ademais de propiciar o intercambio de ideas empresariais na xuventude e incentivar novos proxectos e ideas”.
Na categoría de emprendedor, os participantes non deben superar os 40 anos e a súa sede social debe estar en Galicia. Poden presentarse non só empresas xa constituídas senón tamén proxectos que estean na súa última fase de desenvolvemento, é dicir, a piques de ser postos en marcha. En canto á categoría de novo empresario, tampouco se debe superar os 40 anos de idade e contar coa sede social da empresa na nosa xeografía. Asemade, deberá presentarse ao premio o propietario maioritario da empresa ou ter polo menos unha participación do 20 por cento e que estea apoiada por unha autorización previa dos seus socios. A empresa deberá estar constituída antes do 1 de xaneiro deste ano. Os aspirantes deberán presentar a documentación antes do 30 de outubro ás 14.00 horas. O xurado estará constituído por persoas do mundo empresarial, financeiro e institucional galego e o acto de entrega dos premios terá lugar en decembro.
AJE xa anda á busca do mellor novo empresario e emprendedor galego do ano
Compartir Este Artigo
