Finalmente levouse a cabo en Madrid a operación cirúrxica levada a cabo con Google Glass que avanzamos hai uns días, dirixida polo doutor Pedro Guillén dende a Clínica Cemtro e desenvolvida en vivo ante a mirada de profesionais de arredor de 300 universidades e centros de todo o mundo. A intervención fíxose empregando as hangouts (videochamadas) de Google+, que serviron para comunicar aos médicos participantes e formar aos estudantes (presentes e a distancia) en dúas tecnoloxías concretas: o artoscopio sen fíos (WAD) e o implante de condrocitos autólogos. A sesión, que se puido seguir en directo a través de web de Droiders, contou co apoio TIC da dita firma española (achegando o seu sistema Glassters Streamer sobre a base de Google Glass), de Telefónica (a retransmisión en alta definición), de Google (o seus sistema de videochamada) e de Indra (que forneceu a súa tecnoloxía aplicada á creación de WAD).
Segundo informa a clínica, trátase da primeira vez que se realiza unha experiencia médica real, en quirófano, coas lentes de Google. A xuízo do doutor Pedro Guillén, o uso das Google Glass ofrece unha visión moi valiosa para o aprendiz dunha técnica, a do ollo do cirurxián, pero ademais permite ao estudante ter acceso á pantalla do artoscopio que o ciruxán está a mirar mentres traballa. “O ideal para o aprendiz sería ver ao mesmo tempo a artroscopia e as mans do cirurxián”, asegura o profesor Guillén. Por esta razón, engade a clínica, nesta experiencia integrouse a imaxe das Google Glass no deseño dunha master class habitual, conseguindo que o seu uso engada un valor adicional a outros aspectos moi perfeccionados xa na telemedicina, como a calidade da imaxe artroscópica. Ademais da súa función como cámara, quíxose explotar o potencial da lente como medio de comunicación directa co cirurxián “e como coadxuvante na transmisión de información aos estudantes, usando para iso os recursos que ofrece o hangout de Google+, e o sistema de streaming de Droiders”, engádese.
En canto ao contido da clase mestra, presentáronse ao mundo desenvolvementos tecnolóxicos únicos, como o artroscopio sen cables e o instrumental de sutura ósea; e melloras científicas, como a técnica ICC de cultivo de condrocitos para o implante dos mesmos. Estas innovacións, explica a clínica madrileña, “preséntanse no transcurso dunha cirurxía que precisa mestría para levar a cabo, e que non pode aprenderse en calquera sitio do mundo, polo que moitos dos oíntes de hoxe aprenderon, realmente, a efectuar unha técnica importante para tratar as enfermidades do cartílago”. Durante a operación, desde os trescentos puntos de participación púidose preguntar ao profesor Guillén e ao seu equipo a través de chat, e dous cirurxiáns interviñeron para comentar en tempo real o desenvolvemento da operación.
Até 300 centros de todo mundo puideron ver en directo a intervención cirúrxica con Google Glass
Compartir Este Artigo
