Hoxe con máis razón, vendo como está a economía de tanta xente, é máis necesario ca nunca saber canto nos van cobrar por calquera servizo antes de animarnos a requirilo. Está práctica de solicitar presuposto parecía estar limitada, ata o de agora, a determinados servizos de envergadura (construción, reformas), pero dun tempo a esta parte, afogueirada pola crise, a práctica esténdese a unha chea de cousas e, por suposto, á Rede. Entre estas “cousas” atópase o eido das reparacións do motor. Cantas veces nos vimos nunha boa enleada tras coñecer nun taller, in situ e logo da reparación, a factura da mesma? Pois ben, o servizo mantenermicoche.com permítenos ter unha idea máis ou menos aproximada do que estaremos obrigados a gastar co amaño dunha avaría calquera, dándonos marxe para facer plans: por exemplo, para saber se é mellor deixar a reparación para máis adiante (en caso de ser algo como que deixe de funcionar o aire acondicionado, ben se pode agardar ata o verán que vén).
O servizo, de balde, achega aos internautas informes personalizados sobre o estado do seu vehículo, que actuacións cómpre facer para telo a punto ou que cantidade de cartos vai ser precisa para as actuacións de mantemento preventivo. O informe tamén permite coñecer o valor previsto que, para cada unha das datas de actuacións, poderá ter o coche no mercado. Para a elaboración destas bases de datos, o servizo precisa que lle acheguemos información relativa á marca e modelo, quilometraxe, datas recentes de últimas revisións, etc. A plataforma envía logo ao usuario un primeiro informe co calendario previsto de mantemento, o custo estimado para as actuacións e o valor que pode ter o coche no mercado. As estimacións están baseadas na periodicidade recomendada polo fabricante para as revisións e polas actuacións que son aconsellables para mantelo en boas condicións de uso.
En marcha un servizo que nos informa do que teremos que gastar para ter o coche a punto
Compartir Este Artigo
