Este xoves 26 de Setembro celebrouse en Santiago de Compostela unha actividade dirixida a visualizar e pórlles nome a tódolos malos usos que se poden facer das novas tecnoloxías con relación á nenez e a adolescencia. Tratouse do seminario de balde Os menores e o uso seguro das redes sociais organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). Esta actividade estivo enmarcada no convenio asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e en colaboración co Centro Demostrador TIC de Galicia, dirixíndose como dixemos a lembrar, dos máis diversos xeitos, que as ferramentas da Sociedade da Información son positivas ou negativas dependendo do uso que se faga delas, polo tanto é preciso que se poñan a disposición dos usuarios sen experiencia recursos que lles axuden a inclinar a balanza cara ao positivo.
“As redes sociais, Internet e as novas tecnoloxías teñen un enorme potencial e ofrecen grandes oportunidades”, explicou o CPETIG, “pero tamén supoñen importantes riscos se o seu uso non é o axeitado”. Na actualidade, engadiu o Colexio “é frecuente que os menores superen aos seus pais no manexo do mundo dixital, o cal pode dificultar o seu labor de mediación”. Precisamente para axudarlles xurdiron estas xornadas dirixidas especialmente a pais, titores, formadores e profesionais do sector da educación, co obxectivo de sensibilizalos dos principais riscos que existen na rede para os menores e, ao mesmo tempo, proporcionar os recursos necesarios para axudarlles na prevención dos mesmos e a minimizar as súas consecuencias.
Nas xornadas, seguidas por videoconferencia dende diversos recantos da nosa terra (as aulas da Rede CeMIT) interviñeron expertos na materia como a Fiscal Delegada de Criminalidade Informática na provincia de Pontevedra, Marta García de la Concha; o responsable do equipo de Delincuencia Tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo; a Pedagoga do Soporte de Usuarios en Tuenti, Blanca Díaz-Pabón Bascuñán, e os Enxeñeiros Técnicos en Informática – Colexiados do CPETIG, Jonathan Gándara Alonso e Enrique González Sanmartín.
Conceptos como ciberbulling (acoso entre menores), o grooming (acoso entre un adulto e un menor) ou o sexting (envío de fotografías sexuais), que segundo apunta o CPETIG son prácticas por desgraza “cada vez máis corrente”, foron obxecto principal destas charlas, nas que tamén se tratou a fondo temas como o menor como vítima ou responsable de delitos cometidos a través de internet, a privacidade e seguridade en Tuenti, verdades e mentiras das redes sociais ou consellos para o uso seguro destas ferramentas.
O CPETIG lembrou a pais e profesores a importancia de axudar aos máis pequenos no seu uso das TIC
Compartir Este Artigo
