Teresa Pedrosa, delegada da Zona Franca de Vigo, Javier Collado, director xeral do INCYDE e José García Costas, presidente da Cámara de Comercio Industria e Navegación de Vigo, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre as tres institucións para promover a consolidación do viveiro de empresas especializado en tecnoloxías do espazo: o Spain Business Aerospace Incubator (SBAI), un proxecto que xa dispón de dous millóns e medio de euros de capital (Fondos FEDER) e outros 500.000 da man do Consorcio. A iniciativa diríxese a potenciar a creación na área da cidade galega de empresas punteiras no desenvolvemento de aplicacións provenientes da investigación aeroespacial. Segundo informaron, dispón xa do financiamento necesario para a súa posta en marcha en 2015.
Ademais dos aspectos financeiros, o convenio asinado ten por obxecto establecer as liñas de colaboración entre as institucións coa intención de descubrir e fomentar iniciativas empresariais e potenciar o tecido empresarial máis acorde coas novas estruturas tecnolóxicas e organizativas e promover a transferencia de tecnoloxía do espazo ás empresas.
Teresa Pedrosa agradeceu a colaboración de Cámara e INCYDE e resaltou o feito de que en Porto do Molle 18 emprendedores comezarán a súa actividade en outubro. O director xeral do INCYDE puxo de manifesto que hoxe tivera dúas boas novas: “A sinatura deste convenio co que o 31 de decembro de 2015 como data límite, Vigo disporá da primeira incubadora do sur de Europa destas características e, ademais, saber que o viveiro de empresas multisectorial de Porto do Molle nun mes abrirá as súas portas cun 80 por cento de ocupación”. García Costas, pola súa banda, salientou a política de apoio a emprendedores como a mellor forma de acadar que novas empresas nazan creando emprego e riqueza e, nesa liña, destacou a colaboración entre a Cámara e o Consorcio que lograron o apoio do INCYDE para a consecución de fondos europeos.
Pulo definitivo ao viveiro de empresas de tecnoloxía aeroespacial de Vigo
Compartir Este Artigo
