A Universidade de Vigo vén de facer reconto do acadado a través de FaiTIC, o seu servizo propio de e-learning. Pois ben, xa son máis de 25.600.000 visitas as que foi quen de rexistrar dende a súa posta en marcha en setembro de 2003 (con picos de meses con preto de un millón de visitas). A plataforma tecnolóxica de teledocencia, que a día de hoxe está a piques de renovarse cunha nova versión 2.0, duplica ademais cada cuadrimestre o número de materias dispoñibles, pasando das iniciais 7 no seu primeiro ano a 57 poucos meses despois, e na actualidade supera as 5.000. Neste ano 2013, o mes de xaneiro foi que máis visitas acumulou, con arredor de 900.000, mentres que o resto de meses mantense entre as 600.000 e as 700.000, con excepción dos meses de verán.
Segundo nos lembra a UVigo, FaiTIC é un sistema aberto a estudantes e docentes, aos que lles permite acceder aos contidos virtuais de materias e cursos. Trátase dunha iniciativa desenvolvida pola Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións (ATIC), que pretende ser un servizo de complemento á docencia, baseado en Internet como contorna e que se encamiña a dar servizo ao profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos e, tamén, ao alumnado preuniversitario que teña en mente cursar os seus estudos superiores na Universidade de Vigo.
Polo que respecta á nova versión, Arturo Casar, responsable do Servizo de Teledocencia, informa que xa se agarda que a achega 2.0 substitúa á antiga antes de que remate este 2013, aínda que no portal xa está a versión en probas para que os usuarios poidan coñecela e achegar as súas suxestións. Esta actualización permitirá aos docentes ter máis control sobre as materias ou os tempos que estas están dispoñibles. “Trátase de que o seu uso sexa máis autónomo e máis rápido”, explica Casar, e para iso é importante o feito de que a plataforma estea integrada con Xescampus. A achega 2.0 terá tamén unha versión para móbil, “xa que a mobilidade será unha das características que marcará a teledocencia do futuro, cun uso cada vez maior destes portais dende móbiles, tablets e todo tipo de dispositivos”, engade Casar.
A plataforma de teledocencia da UVigo acubillou 25 millóns de visitas
Compartir Este Artigo
