Kantar World Panel vén de publicar os datos de vendas de smartphones correspondentes a trimestre que remata en agosto, destacando que Windows Phone conseguiu rexistrar a súa meirande cota de venda nos cinco primeiros mercados europeos (Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e España), cun 9,2%, o que supón a súa consolidación nun terceiro posto e incluso estaría a facer as beiras ao segundo posto en Alemaña, onde a distancia que separa ao sistema operativo de Microsoft co de Apple é de só un 0,7%.
Destacan que en Francia e Reino Unido Windows Phone conseguiu acaparar o 10,8 e o 12% das vendas respectivamente, sendo a primeira vez que consegue chegar ás dúas cifras nestes mercados. Dende Kantar consideran que o crecemento de Windows Phone é consecuencia da comercialización dos terminais Lumia 520 e 620, que teñen moi boa acollida entre o público de entre 16 e 24 anos e de entre 35 e 49 anos (que son dos que máis buscan un equilibrio entre o prezo e as funcionalidades).
No escenario europeo Android continúa a amosar unha posición dominante, con 70,1% da cota de mercado, continuando en aumento (de feito, en España é moi superior, chegando ao 90,8%), mentres que BlackBerry está en extinción (nos cinco primeiros mercados europeos tería unha cota do 2,4% e no caso español de só 0,7%). Un detalle tamén destacable do dominio de Android é que depende principalmente de Samsung, fabricante que maior proveito saca do sistema operativo de Google tanto en Europa como no resto do mundo.
Mentres en España temos que a cota de mercado do iPhone durante o trimestre analizado é de só un 5,3% (detalle que podería explicar por que Apple non incluío o noso territorio no lanzamento do iPhone 5S e 5C), mentres que en EE.UU. consegue acaparar o 39,3% das vendas e en territorios como o Xapón teriamos que Android e Apple estarían practicamente empatados, deixando claro que hai moita diversidade ao longo do globo, aínda que en todos os mercados rexístrase un pulo cada vez maior de Android.
Windows Phone consegue o 9,2% das vendas de smartphones nos 5 principais mercados europeos
Compartir Este Artigo

