Nos últimos anos o sector da música mudou radicalmente a escala global, e non só a nivel comercial, senón tamén no xeito que temos de achegarnos á música, de xeito que a propia MTV deixou de ser un referente (nin sequera é xa unha canle musical) e YouTube converteuse na principal plataforma audiovisual para achegar este tipo de contidos, de aí que dende Google anuncien hoxe a primeira edición dos YouTube Music Awards, un evento en directo que terá lugar o 3 de novembro e no que participarán artistas de éxito como Lady Gaga, Eminem e Arcade Fire, e estará presentado polo actor Jason Schwartzman e dirixido por Spike Jonze.
Este evento será unha cerimonia de premios na que farán conexións con Seúl, Moscú, Londres e Río, para culminar nun espectáculo en directo en New York, no que poderán coñecerse os gañadores destes premios musicais que decidirán os propios usuarios de YouTube.
O vindeiro 17 de outubro farase pública a listaxe de nomeados aos YouTube Music Awards, baseándose nos vídeos máis vistos e compartidos nos últimos meses, para que despois poida participarse dun xeito máis activo para decidir os gañadores. Para dinamizar este proceso, durante os días previos ao 3 de novembro os nomeados compartirán vídeos musicais oficiais, versións de cancións, parodias, entrevistas e vídeos de seareiros en YouTube.
Vídeo de presentación dos YouTube Music Awards
Convocan a primeira edición dos YouTube Music Awards
Compartir Este Artigo

