Este mércores 2 de outubro comeza no Centro Demostrador TIC de Galicia o programa de adestramento Comunicación Comercial no Sector TIC, que a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organiza arredor dunha ducia de sesións formativas, cada unha delas baseada nunha temática concreta. Temáticas como por exemplo as seguintes: comunicación relacional, exposicións en público, comunicación verbal e non verbal, como estruturar os procesos de prevenda e venda, técnicas de peche comercial ou como manter no tempo aos clientes. O obxectivo final é que os profesionais que participen melloren a súa metodoloxía de comercialización, a súa capacidade de expor en público e a súa habilidade de adaptar a linguaxe en función das necesidades do cliente.
Segundo informa AMTEGA, todos os profesionais que participan no programa contarán con asesoramentos individualizados para unha mellor adaptación das técnicas e ferramentas de comunicación ás necesidades específicas do seu negocio. Para pór en práctica as habilidades adquiridas durante o seminario, as empresas participantes presentarán un dos seus produtos ou servizos no CDTIC a un público que será potencial cliente do mesmo. A Axencia lembra tamén que a demanda entre as pequenas e medianas empresas TIC galegas superou nun 100% as prazas ofertadas para participar neste programa, “o que dá conta da excelente acollida da iniciativa entre o tecido empresarial TIC de Galicia”.
O CDTIC acolle a partir deste mércores o programa de comunicación comercial TIC de AMTEGA
Compartir Este Artigo
