Finalmente celebrouse na sede ca Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) a Máster Class en Tecnoloxía 2.0 que veu da man da empresa local Comasis, unha actividade dirixida a impulsar o emprego de redes e ferramentas sociais no camiño dunha meirande produtividade e competitividade para as nosas empresas. A sesión xuntou estes xoves ao serán a máis de máis de 90 empresarios e directivos da provincia, aos que se lles amosaron, polo miúdo e en primeira persoa, tódalas posibilidades que as ferramentas 2.0 poden pór á súa disposición. En total, foron sete os relatores que analizaron de forma detallada as denominadas contornas colaborativas.
Segundo explica Comasis, durante a sesión analizouse como a tecnoloxía 2.0 mellora a produtividade en termos xerais e a eficiencia e eficacia persoal de cada traballador. Outros expertos explicaron a forma na que estas contornas contribúen á identificación de necesidades ou problemas dos clientes das compañías e facilitan todo o traballo relativo aos plans estratéxicos e de mercadotecnia. Isto foi explicado en detalle por unha das empresas participantes no evento e que conta cunha completa experiencia no emprego destas ferramentas, uns recursos que lle achegan beneficios cada día e que, segundo fixo saber un técnico da compañía, son perfectamente adaptables a calquera empresa.
Segundo fixo saber durante a súa intervención Luís Calvo, director xeral de Comasis, a maioría das empresas “dispoñen de ferramentas colaborativas e, con todo, moitas delas ignoran que poden empregalas para mellorar de forma moi significativa tanto a súa produtividade como outros procesos empresariais”. De feito, dixo, “as empresas descoñecen que xa pagaron por un elemento que serve para despregar intranets 2.0, contornas colaborativas, xestión documental, xestión de proxectos, xestión de calidade, automatización de procesos e indexación de documentos, entre outras moitas posibilidades”.
Calvo tamén lembrou que o vindeiro 22 de outubro celebrarase no Consorcio da Zona Franca de Vigo o evento Organización 2.0, un congreso internacional que tamén está relacionado con esta temática e que contará coa participación de prestixiosos relatores internacionais.
Comasis xuntou a 90 empresarios e directivos da provincia da Coruña na súa sesión formativa sobre 2.0
Compartir Este Artigo
